Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta inviste 41.800 euros para instalar o Xulgado de Paz de Ribadeo nun local da súa propiedade, en tanto o Concello non adopte a solución definitiva

 Ribadeo, 14 de novembro de 2019.- A Xunta de Galicia vai investir 41.800 euros para acondicionar un local da súa propiedade situado na rúa Clemente Martínez Pasarón de Ribadeo ao que se trasladará temporalmente o Xulgado de Paz.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe as instalacións acompañado polo alcalde, Fernando Suárez, entre outros. Balseiro subliñou que se chegou a “unha solución construtiva e de desbloqueo” ante a situación de deterioro na que se atopan as dependencias actuais do xulgado, de titularidade municipal.

O delegado explicou que o servizo se instalará nun baixo de 62 metros cadrados que pertence ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, e as obras serán financiadas pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Realizaranse traballos de albanelería, fontanería ou electricidade, entre outros, para habilitar un arquivo, aseo e dúas oficinas.

Balseiro apuntou que se trata dunhas instalacións máis accesibles, céntricas e en óptimas condicións, nos que prestar un servizo de calidade aos cidadáns en tanto non se dispoña de sede definitiva.

Neste sentido, lembrou que os xulgados de paz son servizos compartidos entre a Xunta e os concellos, de forma que corresponde a estes achegar e conservar os locais e ao Goberno galego dotalos de persoal. Neste caso, ante a mala situación das dependencias que se viñan utilizando en Ribadeo, foi necesario barallar outras alternativas.

Finalmente, a solución definitiva pasará polo traslado a un inmoble que está previsto que sexa no futuro de titularidade municipal -a coñecida como Casa da antiga Telefónica-, preto do emprazamento actual.

En tanto o concello non adquire a propiedade e se realizan as obras oportunas, a Xunta promove esta solución provisional para mellorar as condicións de traballo do persoal e de atención aos usuarios.

Exit mobile version