Viveiro, 14 de novembro de 2019.- A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional deu traslado á Deputación de Lugo e ao Concello de Viveiro das recomendacións feitas pola Garda Civil para mellorar a actual parada do transporte escolar emprazada no lugar de Ventoselle, deste municipio lugués.
Na actualidade, a zona de estacionamento do autobús escolar, localizada no punto quilométrico 3 da LU-P-6603 (estrada de titularidade provincial) atópase a aproximadamente 400 metros do domicilio familiar da alumna transportada. A xuízo da Garda Civil podería verse mellorada acometendo unha serie de obras que son de exclusiva competencia municipal ou provincial.
En particular, o destacamento de Tráfico recomenda realizar algunhas modificacións como a instalación dunha marquesiña, a colocación de sinalización indicativa da parada escolar e dotar o espazo que debe percorrer a alumna de iluminación pública.
Posibles alternativas
No informe da Garda Civil, elaborando a instancias da Consellería de Educación, estúdanse tamén tres posibles alternativas á parada actual: empregar un autobús de menores dimensións que permitirían estacionar xunto ao domicilio da alumna, aumentar o percorrido da liña ou resituar a parada noutro emprazamento máis próximo á vivenda familiar.
As dúas primeiras propostas deben ser descartadas, xa que o contrato vixente non permite modificar a tipoloxía do autobús empregado. Ademais ampliar o percorrido suporía modificar os horarios de recollida do resto do alumnado e da rutas combinadas e implicará superar o tempo máximo de permanencia no autobús, que a normativa vixente establece nunha hora.
Finalmente, a terceira alternativa estudada pola Garda Civil consiste en acondicionar un lugar fronte o domicilio da alumna onde un autobús de 22 prazas poida manobrar e volver pola estrada, pero para facelo ademais de contar coa autorización do propietario dos terreos nos que se situaría a nova parada, tamén sería preciso acometer obras de adaptación similares ás recomendadas para o emprazamento actual, tales como o asfaltado da zona de manobra, colocación de sinalización de advertencia e de iluminación pública, todas de competencia da administración local e provincial.