Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, vén de iniciar o proceso para a cesión da Estación de Autobuses de Vilaba ao Concello, ao tempo que proxecta a instalación dunha nova parada de autobús no exterior desta instalación, que suporá un investimento autonómico de 40.000 euros.
A Xunta e o Concello de Vilalba acordaron iniciar a correspondente tramitación para reversión desta infraestrutura a favor da Administración local, proposta que posibilitará o peche da mesma como estación de autobús e permitirá o uso do edificio para outros fins municipais.
Neste sentido, cómpre lembrar que na actualidade a estación de autobuses de Vilalba, aínda que está aberta o público e serve de base para os autobuses de transporte regular con parada na vila, non esta a funcionar como tal estación. O edificio está pechado, tanto os locais comerciais, coma a cafetería coma o despacho de billetes, e no último verán acrecentáronse os actos vandálicos e o uso ilícito dos locais do mesmo.
Deste xeito, e no marco do tratado co Concello, o departamento de Mobilidade da Xunta ten previsto iniciar a tramitación do correspondente permiso municipal para acometer as obras necesarias para habilitar no exterior da terminal a nova parada para a espera e recollida dos viaxeiros, para o que se prevé a instalacións de dúas marquesiñas.
Con esta nova parada mantense a prestación do servizo aos viaxeiros que utilizan actualmente as dársenas da terminal de autobuses, que é moi escaso. Segundo os datos da última campaña de aforamentos realizada nos meses de agosto e setembro na estación de Vilalba, a media diaria de viaxeiros que soben ou baixan do autobús é de 50 usuarios.