En Ribadeo entregouse un piso de dous dormitorios con garaxe e trasteiro, que mide 65 metros cadrados e está situado na rúa Rafael Fernández Cardoso. Neste caso, adxudicouse en compravenda, polo que se transfire a propiedade ao adxudicatario.
A vivenda adxudicada en Mondoñedo consta tamén de dous dormitorios e ten unha superficie de 55 metros cadrados; está situada na rúa Viñas da Veiga e adxudícase en réxime de alugueiro.
O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) xestiona as listas de adxudicatarios existentes nos distintos municipios, que se elaboran mediante sorteo entre as persoas que figuran inscritas no Rexistro Único de Demandantes. A inscrición pode realizarse presencialmente ou a través da sede electrónica da Xunta e ten unha vixencia de tres anos.
En Mondoñedo ademais a Xunta ultima, as obras de rehabilitación dun edificio na praza dos Muíños, que dará como resultado dúas novas vivendas de promoción pública de catro e tres dormitorios respectivamente. Tan só quedan pendentes para a súa finalización pequenos remates na obra e varios trámites administrativos.