O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas para a dixitalización, preservación e difusión da cultura galega a través de Galiciana que convoca a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, das que resultaron beneficiarios ambos concellos. En concreto, Ribadeo recibe 17.772 euros e Pol 41.984 euros deste programa, cofinanciado con fondos Feder.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o obxectivo é universalizar a cultura galega ofrecendo un gran catálogo accesible en liña. Con tal fin, habilítase esta liña de financiamento para que as entidades e organizacións -públicas ou privadas sen ánimo de lucro- que dispoñan de activos do patrimonio cultural transformen eses fondos en recursos dixitais accesibles.
Galiciana, proxecto impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo, é un sistema de recolección e difusión do Patrimonio Dixital de Galicia, e está constituído por diferentes elementos que colaboran neste obxectivo, como o Arquivo Dixital, a Biblioteca Dixital ou o Patrimonio Dixital de Galicia.
Esta iniciativa está a promover a construción da Memoria Dixital de Galicia como un proxecto colectivo de preservación, valorización e difusión do patrimonio cultural galego. A plataforma é utilizada xa por máis de trinta arquivos de diversa titularidade e arredor dunha vintena de bibliotecas. Os portais dan acceso a documentos escritos e gráficos, prensa histórica, incunables, mapas ou postais, entre outro material.