Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta apoia con 250.000 euros o programa integrado de emprego promovido por oito concellos lugueses no que se formarán 100 persoas sen traballo

 Outeiro de Rei, 5 de outubro de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia con 250.000 euros (case o 90% do custo total) o programa integrado de emprego promovido por oito concellos lugueses –os de Outeiro de Rei, Rábade, Friol, Begonte, Cospeito, Castro de Rei, Abadín, Mondoñedo- no que se formarán 100 persoas sen traballo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, acompañado das alcaldesas e alcaldes dos respectivos concellos, deu conta esta mañá en rolda de prensa da recente resolución e das características deste programa que terá un ano de duración, previsiblemente ata finais de outubro de 2020.

A iniciativa está enfocada a mellorar a ocupación dos desempregados e establece como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 35% dos seus participantes. O plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais.

Dúas especialidades formativas e orientación continua
No caso concreto desta iniciativa, os alumnos e alumnas levan a cabo técnicas para mellorar a busca de emprego e a realización de entrevistas de traballo, mellora de idiomas, técnicas de motivación persoal, de xénero e igualdade de oportunidades, e de autoemprego.

Ao tempo está previsto desenvolver dúas accións específicas de formación nas especialidades de limpeza en espazos abertos e instalacións industriais (228 h) e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (468 h). O alumando que curse con aproveitamento estas accións terá dereito a obter o certificado de profesionalidade.

Ademais prevese a elaboración, co apoio do persoal técnico necesario, dun itinerario de inserción individual con cada participante. Contarán cun acompañamento continuado sobre as distintas posibilidades laborais. Os participantes estarán en contacto permanente coas empresas asentadas nos distintos concellos para coñecer as súas necesidades de persoal e presentar as súas candidaturas.

A selección inicial desenvolverase nas oficinas de emprego e terán preferencia de acceso aqueles colectivos con maiores dificultades de inserción laboral (persoas perceptoras de RISGA, menores de 30 anos con baixa cualificación, mulleres vítimas de violencia machista, menores de 30 anos con cualificación, persoas maiores de 45 anos e persoas con discapacidade).

Medidas de conciliación
O programa integrado de emprego inclúe tamén, como medida de fomento da conciliación e para facilitar a asistencia do alumando, a posibilidade de que fagan uso do Punto de Atención á Infancia ou Gardaría dos concellos, que se ofrece para as persoas con nenos/as menores de 3 anos.

Tamén no caso de que as persoas implicadas no proxecto sexan coidadoras de persoas recoñecidas como dependentes, coordinarase cos servizos sociais dos concellos para ofrecerlles asistencia domiciliaria.

Exit mobile version