Arquitectos da Unidade Técnica da Consellería de Educación comprobaron a avaría, considerada de pequena incidencia, así como o desenvolvemento dos traballos que se están a acometer para reparala e garantir que quede perfectamente selada.
Todo apunta a que a filtración puido deberse á rotura de varias lousas na cuberta do edificio número 1, nos puntos nos que se apoiaba o andamio empregado para a obra, feito combinado co vento e as fortes precipitacións dos últimos días.
A administración autonómica destaca que tanto as clases, como o resto da actividade do centro, incluído o uso do comedor, desenvolveuse sen incidencias e con total normalidade.
Lamentable aproveitamento político
Desde a Xunta de Galicia lamentan o aproveitamento político que algúns partidos quixeron dar a esta avaría e resaltaron que, tanto a dirección do centro como a propia empresa encargada das obras, actuaron desde o primeiro momento para corrixir a situación.
Ata tal punto foi así que hoxe e onte operarios traballaban na propia cuberta do edificio a pesar do temporal de vento, e sempre coas máximas medidas de seguridade. No interior hai disposto un deshumidificador para, unha vez eliminada a filtración, actuar no falso teito e pintar os parámetros, se fóra preciso.
Non é unha circunstancia extraordinaria que cando ten lugar un importante temporal de vento e chuvia poidan producirse filtracións ou desperfectos nas instalacións dos centros educativos que, as direccións do centro e coordinación coa Unidade Técnica de Educación, corrixen con celeridade.
Obra de remodelación integral
Desde a Xunta insisten en que a incidencia acontecida non resta valor ás obras de remodelación integral do colexio Virxe do Carme nas que a Consellería de Educación investiu máis de 860.000 euros, e que se desenvolveron dun xeito exemplar como corrobora a comunidade educativa do centro.
Cómpre lembrar que actuouse nos tres edificios que compoñen o complexo escolar, modernizando todos os espazos, polo que o colexio gaña en espazos máis modernos e confortables e en medidas de eficiencia enerxética e mellora do illamento térmico.
Malia que a obra está finalizada, persoal da empresa construtora continúa no centro precisamente realizando pequenos remates e supervisando as actuacións realizadas para garantir que estean en perfecto estado antes da recepción dos traballos.