Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2019. A Unión de Consumidores de Galicia en colaboración co Concello do Valadouro, impartirá ás 17.30 horas do próximo mércores 13 de novembro un taller sobre comercio electrónico que se impartirá na Aula de Informática da Casa da Cultura do Concello.
A actividade que será impartida por persoal técnico da Unión de Consumidores de Galicia, está dirixida a veciñas e veciños do concello que desexen introducirse no mundo das compras por Internet con seguridade e o acceso é completamente libre.
Os talleres formativos sobre comercio electrónico teñen por obxectivo contribuír á redución da fenda dixital entre os consumidores e consumidoras con menor experiencia no proceso de contratación por Internet así como a dar consellos que permitan que os procesos de compra sexan seguros.
A actividade estruturase en catro bloques que se centraran no proceso anterior á contratación e as medidas de seguridade a ter en consideración (1), o proceso de compra, facendo fincapé na figura do vendedor e na prevención de calotes (2), os aspectos posteriores á compra, como son as garantías e o dereito de desistimento (3) e un último bloque que se centrará nos procedementos de reclamación e nos mecanismos de resolución extraxudicial de conflitos.
Esta actividade forma parte dun proxecto formativo que a Unión de Consumidores de Galicia desenvolverá por 12 localidades de Galicia e que conta co financiamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.