Site icon Crónica3.com A Mariña

A subdelegada do Goberno anima a votar aos 630 veciños de Burela censados na mesa electoral do Perdouro

 Lugo, 14 de novembro de 2019.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, lembra que o vindeiro domingo, día 17 de novembro, terá lugar a repetición das eleccións locais nunha mesa electoral de Burela na que a Xunta Electoral anulou as eleccións celebradas o pasado mes de maio.

Rodríguez explicou que son 630 os electores con dereito ao voto nas eleccións deste domingo. Son os cidadáns censados na zona de Burela á que lle corresponde votar na mesa electoral 01-005 U, situada no IES O Perdouro.

A subdelegada destacou que “é unha responsabilidade de todos os cidadáns a elección dos nosos representantes municipais”, polo que animou aos electores censados nesta mesa electoral a “que acudan a votar este domingo porque co exercizo deste dereito axudarán a decidir a composición da nova Corporación municipal e, en definitiva, o futuro de Burela”.

As votacións poderanse efectuar entre as 9 e as 20 horas e a mesa electoral estará formada polos mesmos cidadáns que foran elixidos para os comicios celebrados o 26 de maio.

Burela é o único concello galego no que haberá eleccións locais parciais este domingo, pero tamén se deberán repetir os comicios noutras mesas electorais dos concellos de Granja de la Costera (Valencia) e Cordobilla de Lácara (Badajoz), así como en distintos municipios e entidades locais das provincias de Burgos, Gipuzkoa, Navarra, León, Palencia e Soria, nos que non se presentaron candidaturas nas eleccións do mes de maio.

Exit mobile version