Site icon Crónica3.com A Mariña

A repetición das eleccións municipais na mesa do Perdouro, en Burela, deixa igual que en maio o reparto de concelleiros na corporación municipal: 6 para o PSOE, 4 para o PP e 3 para o BNG

 Burela, 17 de novembro de 2019. A repetición das eleccións municipais na mesa do Perdouro, en Burela, este domingo deixa igual que o pasado mes de maio o reparto de concelleiros na Corporación Municipal: 6 para o PSOE, 4 para o PP e 3 para o BNG. A participación na xornada de hoxe non chegou ao 50%, segundo deu a coñecer o alcalde, Alfredo Llano, para quen é preciso poñerse a traballar canto antes co obxectivo de sacar adiante os orzamentos municipais, entre outras cuestións. O pleno de constitución da nova Corporación podería celebrarse o 7 de decembro.
Llano declarou esta noite que “despois de agardar case 6 meses para facer a repetición das eleccións municipais de Burela todo volve quedar exactamente igual que estaba; é máis, chegaron outra vez a empatar, neste caso non a 271 pero si a 270 votos, o BNG e Burela Sempre no cómputo global. De tal maneira que agora, se non hai ningunha alegación nin nada que o impida, daranlle ese concelleiro ao Bloque, co cal quedaremos como estábamos: 6 o PSOE, 3 o BNG e 4 o PP”.
O rexedor fixo que “houbo moi pouca participación, non chegou ao 50 por cen, porque de 630 votaron 301. Esta baixa participación a quen prexudicou basicamente foi ao PSOE aínda que gañamos con folgura porque sacamos 116 votos; seguidos do PP, con 86; o BNG, 63; Burela Sempre, 30; Ciudadanos, 2; e Vox tivo 1. De tal maneira que o PSOE volveu gañar, como gañou en todas as mesas nestas eleccións, pero pola Lei D’hondt e a baixa participación que houbo hoxe non logramos a maioría absoluta. Pero para nosoutros é un bo resultado e agora iremos falando sobre isto para normalizar o antes posible a situación do Concello de Burela”.
Llano subliñou que “temos que poñernos a traballar rápido para poder empezar xa a facer cousas importantes como son os orzamentos e outros asuntos que temos pendentes e que nos corren présa. Así que unha das cousas boas de ter feito estas eleccións é que podemos por fin normalizar a situación no Concello a base de negociacións”.
E engadiu: “penso que o pleno de investidura vai ser o 7 de decembro”.

Exit mobile version