Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG denuncia que a plantilla de Muebles Hermida levan meses sen cobrar

Lourenzá a 21 de novembro de 2019. A plantilla de Muebles Hermida concentrouse hoxe de 14,00 a 15,00 nas inmediacións da empresa para reclamar que se lles abonen os seus salarios. Os retrasos continuos nos pagos é algo que veñen anos arrastrando pero a situación actual xa é desesperada pois a débeda acada xa os 3 meses, que todo parece indicar que en breve serán 4, máis parte dos atrasos de convenio. A concentración, convocada pola CIG, é xa a segunda que realizan e xa está convocada unha terceira para o vindeiro 28 de novembro.
Para Manolo Franco Otero, Presidente do Comité de empresa, “ a situación é dobremente frustrante porque realmente vemos que hai carga de traballo, mesmo contratan xente por ETTs e nos amosan a necesidade de facer horas extras. Pero a mala xestión fai que non se atendan debidamente eses pedidos ou que os erros na producción aumenten considerablemente os costes da mesma”. Algo que veñen tempo sinalándolle á empresa sen que esta tomara carta algunha no asunto.
“A única opción que vemos, opina o sindicalista, é que a dirección da empresa acepte algunha das ofertas de compra que afirma ter para que esta situación mude. Porque cómpre que tome as rendas alguén que poida asumir as débedas coa plantilla, que invirta en facer o mantemento da maquinaria e faga os cambios necesarios no proceso productivo para facelo rendible, algo que dende o noso punto de vista é algo relativamente sinxelo de acadar habendo vontade. Porque carga de traballo e dende logo predisposición da plantilla hai.”
En canto a posibles novas mobilizacións, Manolo Franco, afirma que non se descarta nada. “Na concentración de hoxe a xente mostrou o seu fartazgo, polo que é posible que, a pesar de non contar polo momento co apoio da totalidade do comité, demos en solitario un paso máis cun novo e máis contundente calendario de mobilizacións.

Exit mobile version