Lugo, 8 de novembro de 2019. Os servizos de Xestión Territorial da Deputación de Lugo, que dependen directamente do Presidente, José Tomé, traballan no acondicionamento das estradas da súa titularidade de 11 concellos da provincia logo das nevaradas caídas nas últimas horas. Os operativos están despregados nos municipios da Montaña e do sur da provincia.
O persoal da Deputación está traballando con oito máquinas quitaneves e unha ducia de coches todoterreo con diverso material de apoio para retirar as capas de neve – de entre 10 e 20 centímetros de espesor- para desfacer placas de xeo e retirar árbores que obstaculizan as vías. Unhas actuacións que teñen como obxectivo garantir a seguridade dos usuarios destas estradas.
Hai afectadas máis dunha trintena de estradas repartidas por A Fonsagrada, Baleira, Folgoso do Courel, Cervantes, O Incio, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreito, Quiroga, Samos e Triacastela. A relación é a seguinte: LU-P-360 (A Fonsagrada); LU-P-0402 (Baleira); LU-P-1303, LU-P- 4505, LU-P- 5004, LU-P-1305 e LU-P-1306 (Folgoso do Courel); LU-P-2505 (O Incio); LU-P-3501, LU-P- 3502, LU-P-3505 e LU-P-3509 (Navia de Suarna); LU-p- 3701 e LU-P- 4503 (As Nogais); LU-P 4504, LU-P- 4503 e LU-P-4505 (Pedrafita do Cebreiro); LU-P 500, LU-P-5004, LU-P- 5002 e LU-P-5005 (Quiroga); LU-P-5603, LU-P-5601, LU-P-1306 e LU-P-5605 (Samos); e LU-P-3702 (Triacastela).