Tomé Roca destacou que o organismo provincial colabora con este foro “porque contribúe a afrontar os retos e problemáticas comúns dos gandeiros e gandeiras. O coñecemento e experiencias que se expoñen mellora a competitividade das explotacións, o benestar dos animais e a calidade do produto. Polo tanto, axudan a avanzar cara un sector dinámico e sostible”.
O Presidente subliñou o compromiso da Deputación co sector primario, que, tal e como lembrou, é unha das principais liñas de actuación dos Orzamentos para o 2020 nos que está a traballar o Goberno provincial. Deste xeito, a institución potenciará o Centro de Recría da Granxa Gayoso Castro, que ten a día de hoxe 1.200 becerras de 50 explotacións da provincia, e continuará coas obras de construción da Granxa Experimental de Leite, un centro de investigación impulsado en colaboración co Campus Terra con 3,5M€ de investimento que poderá entrar en funcionamento a principios do ano que vén.