Fundación Meniños traballa para evitar que nenos e nenas con necesidades especiais medren en centros de protección.
O martes, 26 de novembro, ás 18:00 h.terá lugar na Escola de Música-Casa do Mar de Ribadeo unha charla informativa sobre o Programa de Adopcións Especiais que será impartida polo equipo técnico especializado da Fundación Meniños.
Con esta charla dirixida ás persoas interesadas na adopción, Fundación Meniños pretende dar a coñecer a realidade do grupo de nenos, nenas e adolescentes que neste momento se atopan residindo en centros de protección á espera de ser adoptados, e que teñen unha maior dificultade para atopar unha familia por presentar necesidades especiais: son maiores de 8 anos, grupos irmáns e irmás, nenos e nenas con discapacidade ou enfermidade, e en xeral calquera outra circunstancia que poida dificultar a súa adopción. Non dispoñer dun ambiente familiar que lles brinde seguridade e afecto, deixa a estes nenos e nenas nunha situación de enorme vulnerabilidade.
O persoal técnico de Meniños explicará en Ribadeo o Programa de Adopcións Especiais, coa intención de resolver todas as dúbidas das familias e persoas interesadas en entrar nun proceso de adopción local.
O Programa de Adopcións Especiais é un servizo da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia que busca un fogar para que nenos e nenas con necesidades especiais poidan medrar nunha familia. Este proxecto desenvólvese en toda a Comunidade Autónoma de Galicia xestionado pola Fundación Meniños, entidade non lucrativa de acción social dedicada a promover os dereitos da infancia e da adolescencia.
As persoas interesadas poden ampliar a información sobre este programa a través da web www.meninos.org ou no teléfono 981 26 99 55.
Na charla do vindeiro martes, 26 de novembro, na Casa do Mar ás 18:00 horas intervirán Laura Quintana Morales e Rodrigo Gil Cedillo, técnicos do Programa de Adopcións Especiais de Meniños.
A concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire, anima a asistir a esta conferencia.