Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta tarde en Santiago de Compostela unha reunión con representantes da Federación de Industria de CCOO para avaliar solucións conxuntas ante os desafíos dunha transición enerxética xusta. Conde salientou a necesidade deste tipo de encontros para favorecer o diálogo activo entre os principais axentes do sector, establecendo solucións consensuadas que permitan definir novas liñas de actuación.
A Xunta trasladou ao sindicato a necesidade de incluír a Galicia dentro da Estratexia de Transición Enerxética do Goberno central –como xa se fixo con outras comunidades autónomas-. O titular de Economía, Emprego e Industria puxo de manifesto o compromiso da Administración galega neste contexto coa proposta de Estatuto de consumidores electrointensivos presentada pola Xunta co obxectivo de que exista un prezo eléctrico competitivo para a industria electrointensiva galega.
Deste modo, ambas as dúas partes coincidiron en apostar por unha transición enerxética xusta, que facilite a reconversión industrial sen que isto repercuta nin na calidade dos empregos nin na súa estabilidade.
A este respecto, tanto os representantes sindicais como o conselleiro compartiron retos como a modernización do tecido empresarial, a aposta pola economía circular, a mellora da formación, o impulso do emprego estable e de calidade e o fomento da conciliación entre a vida laboral e a familiar como os vectores máis relevantes á hora de materializar este cambio dentro do sector industrial.
A Xunta seguirá garantindo a continuidade do tecido industrial galego con liñas de acción que dinamicen o sector. Entre estas medidas está a Axenda Industria 4.0, que mobilizará 900 millóns de euros, creando 13.500 empregos nos vindeiros catro anos; e a Lei de implantación empresarial, que busca a captación de novos investimentos para Galicia a través dos incentivos fiscais, da redución dos prazos da tramitación administrativa de proxectos mantendo as mesmas garantías técnicas, xurídicas e medioambientais, e a través de facilitar o acceso ao solo industrial.