Burela, 19 de outubro, 2019. O Pescados Rubén Burela FS segue con paso firme. As Guerreiras Laranxas selaron unha vitoria máis na sexta xornada de Primeira, na visita á cancha do pechacancelas, Xaloc Alacant (0-2), nunha cita na que ás mariñás foilles pesando no xogo a falta de afinación nos últimos metros.
O gol de Bea Mateos, ao segundo pau, xa no minuto 2 encamiñaba moi ben a cita para as galegas ante un rival dedicado a defenderse na súa cancha das embestidas do Pescados Rubén. As pupilas de Julio Delgado e Lucas non atoparon a recompensa merecida nas súas seguintes chegadas e foron perdendo claridade de ideas e sobre todo eficacia, con algunhas boas aparicións da meta alacantina. Superado o ecuador da segunda parte, as mariñás optaron por alternar o xogo de cinco liderado por Bea Mateos. Co cambio de Cilene como porteira xogadora e a falta de pouco máis de tres minutos Lara Balseiro puido dar máis tranquilidade no marcador, por fin co 0-2 a pase de Peque, ante un rival que non xerou perigo na rede burelista. Co xogo de cinco, nos últimos momentos, as locais tampouco contaron con ocasións claras.
Ficha técnica
Xaloc Alacant FS: Gema, Miriam, Ángela, Jeza, Laura, cinco inicial; tamén xogaron Lidia, Ortiz, Claudia, Elena, Toñi, Sáez
Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Peque, Jane, Ale de Paz, cinco inicial; tamén xogaron Jenny Lores, Dany, Jenny, Lara Balseiro, Cilene
Goles: 0-1, minuto 2, Bea Mateos; 0-2, minuto 37, Lara Balseiro
Árbitros: Sergio Mesonero // Andrés Estévez. Por Xaloc amarela para Ángela (minuto 11). Por Burela amarela para Jenny (minuto 12), Bea Mateos (minuto 30)
Incidencias: Partido correspondente á xornada 6 de Primeira División disputado no Pitiu Rochel de Alacante.