Burela, 30 de outubro de 2019. O concelleiro de Cultura en Burela, José Díaz, anunciou que xa están á venta en ataquilla.com as entradas para asistir aos tres espectáculos dos que gozarán bureleses e mariñáns en decembro. O día 20 será o musical infantil Vaya Santa Claus, o día 25 terá lugar a actuación da Compañía Nacional de Danza de Ucrania e o 27 Manuel Manquiña chegará a Burela con Relatos Negros. Xan Carballal, director da Escola de Música de Burela, subliña a importancia da presenza na localidade da Compañía Nacional de Danza de Ucrania, xa que se trata dun grande espectáculo de música e danza a cargo dun dos mellores elencos do mundo. Por este motivo Carballal recoméndalle ao seu alumnado que se achegue a disfrutalo.
O edil de Cultura contou que “temos á venta en ataquilla.com entradas dispoñibles para ver a Manuel Manquiña o 27 de decembro ás oito da tarde. É un novo espectáculo que se chama Relatos Negros, que é unha comedia de humor negro en torno á forma de matar e ás motivacións do ser humano para matar, todo en ton de comedia e contado por un actor da escena galega coñecido por todos que nos faltaba por ter en Burela. As entradas son sen numerar e véndense ao prezo de 10 euros”.
José Díaz seguiu a relatar que “tamén temos en venta en ataquilla.com entradas para Virskiy, o espectáculo de danza do Ballet Nacional de Ucrania, que estará no pavillón Vista Alegre o día 25 de decembro ás sete da tarde. Hai a zona principal, que é a grada norte central na que o prezo das entradas é de 15 euros, e nas gradas laterais, onde a visibilidade é practicamente a mesma, véndense ao prezo de 12 euros. Ademais temos á venta en ataquilla.com entradas para o musical Vaya Santa Claus que vai ser o 20 de decembro. Tamén temos dous prezos diferentes. Xa levábamos bastantes meses sen traer un musical infantil a Burela e sempre que os trouxemos tivemos moi boa resposta de familias co auditorio practicamente cheo, entón tocaba agora. Estivemos valorando diferentes posibilidades de musical e este, que xurdiu en Andalucía e está de xira por Galicia, parecíanos interesante”.
O director da Escola de Música burelesa, Xan Carballal, referiuse á presenza en Burela da Compañía Nacional de Danza de Ucrania: “a verdade é que é un revulsivo a nivel musical e de danza porque normalmente non estamos afeitos a ver a agrupacións desta calidade. Hai que ter en conta que dentro do amplo abano que hai nestes países sobre este tipo de danzas, en Ucraína, Rusia, Polonia, Bulgaria ou Romanía, son todos espectaculares, pero este en concreto polo que teño entendido a verdade é que se pode dicir que se sae. Entón un espectáculo destes que non se soen ver pola zona, igual que outras cousas que se teñen programado na Concellería de Cultura de Burela, creo que merece a pena apoiar coa nosa presenza”.
Carballal engadiu que “hai que darse conta, e supoño que todo o público así o fará, que realmente o virtuosismo que teñen estes ballets ven motivado polo virtuosismo en si non soamente de danza senón da música na que se mestura a música zíngara, armenia, e máis asiática, por tradición basean todas as cousas que fan nun nivel técnico ao que non estamos acostumados en occidente. Por ese motivo aos rapaces da Escola de Música sempre lles aconsello que vaian porque é importante que vexamos outra forma de entender a danza tradicional e tamén a música, e iso contribúe á formación integral do alumno. O público que se achegue a Burela poderá gozar dun espectáculo destes onde hai un corpo de baile formado de mulleres e homes e un elenco tan importante como este que nos vai visitar, creo que vai ser unha hora e media inesquecible. É algo que debemos ter en conta para un día tan sinalado como o 25 de decembro, e poder disfrutar deste espectáculo”.