O martes 5 de novembro o cociñeiro bretón elaborará o menú escolar do IES de Foz a base de pratos franceses (quiche de marisco e brocoli, tenreira á Bourgignon e de sobremesa, crêpes) e o xoves 7 preparará un menú bretón no comedor da carta: velouté de mexillóns; solombo de porco con fricassé de mazás e cebola; e de sobremesa unha tartaleta de trigo sarraceno con mazá e caramelo). O resto dos días participará en diferentes clases co alumnado, ensinando especialidades de pastelería e cociña cos diferentes profesores de hostalería.
Samuel Ramos ten formación tanto en cociña como en xestión de empresas hostaleiras e leva máis de vinte anos traballando no sector, tanto en sala como en cociña. É membro da Alliance Slowfood de cociñeiros en Francia, que promoven unha cociña local, ecolóxica e baseada na produción local. No seu restaurante non hai unha especialidade propiamente dita, os seus pratos adáptanse ás estacións e os seus produtos proveñen de produtores locais directamente.
A profesora coordinadora Erasmus do IES de Foz, Leticia Maseda, explica que colaboración deste cociñeiro francés co IES de Foz “xurde grazas ao programa Erasmus +, xa que no restaurante de Samuel Ramos realizou as súas prácticas durante tres meses un dos nosos alumnos de Cociña, Ayoub Elkamel, sendo a súa experiencia moi positiva e dando froito a esta actividade”.