A Mariña, 29 de outubro de 2019. Trinta profesionais do sector turístico participan nun Fam-Trip á Ruta da Faba. A xornada deu comezo no Centro de Interpretación da Faba coa benvida que lles deron aos participantes a alcaldesa, Rocío López; Paloma Vázquez, xefa de Área Provincial de Turismo en Lugo; e o presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Alfredo Llano. A acción foi organizada pola Mancomunidade, ao amparo do convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia.
Alfredo Llano explicou que “esta é unha iniciativa que promove a Mancomunidade de Municipios porque consideramos que é algo moi positivo non soamente para Lourenzá e para toda a actividade da faba senón para a comarca. Estivemos alí con xente profesional do sector que son touroperadores, axentes de turismo ou persoas que teñen negocios relacionados co sector. Polo tanto me parece que é unha visita obrigada e ademais moi interesante do que se pretende amosar e que temos definido como Ruta da Faba”.
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña engadiu que “a Ruta da Faba é unha iniciativa extraordinaria que se reparte en varios aspectos como a gastronomía porque ven as diferentes propostas para preparala e como se cultiva. Tamén visitan a paisaxe de todo o val de Lourenzá, onde está cultivada a faba, os muíños, o Pazo de Tovar, onde se fai a degustación gastronómica, e a igrexa de Lourenzá con toda a súa historia e o seu patrimonio. Esta visita non soamente é algo ecolóxico para valorar o cultivo da faba, senón que se complementa con todos os recursos que hai na zona para motivar á xente a que visite a zona de Lourenzá e calquera outro lugar da Mariña. A Mancomunidade son 16 concellos e a faba non soamente se cultiva en Lourenzá, aínda que aí ten o epicentro, e polo tanto penso que a visita pode dar lugar a estenderse e complementarse perfectamente con todo o que nosoutros temos que ofrecer na Mariña”.
Llano subliñou que “é positivo porque esta actividade de hoxe complementa o Mes da Maxia e outras iniciativas que estamos intentando realizar desde a Mancomunidade para que o turismo sexa fluído durante todo o ano. Así que esta é unha iniciativa máis que creo que pode dar bo resultado para que toda esta xente profesional poida recomendar a outra xente que nos visite tanto en Lourenzá como no resto da comarca”.
Este Fam-Trip é unha acción que impulsa a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense coa colaboración dos axentes artífices deste produto durante os obradoiros de deseño de rutas experiencias promovidos polo GDR – Terras de Miranda: a Cooperativa Terras da Mariña, o Pazo de Tovar, o restaurante O Forno de Tovar e o Concello de Lourenzá. Ademais da axencia de receptivo Mariñactiva, comercializadora a día de hoxe da Ruta da Faba.
O vindeiro sábado, 2 de novembro, con motivo da ponte de Todos os Santos, Mariña Activa programa unha saída á Ruta da Faba para o público xeral. O horario aproximado da xornada é de 10:30 a 18:00 horas e o prezo de 55€ adultos e 30€ nenos (inclúe comida, entradas, guía, transporte e seguro). Para mais información e reservas hai que contactar no 683 401 865 ou en info@mariñactiva.com.
Consorcio Provincial de Turismo
Alfredo Llano e a axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, asistirán mañá en Lugo á xuntanza do Consorcio Provincial de Turismo, que terá lugar na Deputación a partir das cinco da tarde.