Lugo, 22 de outubro de 2019. A deputada do BNG, Olalla Rodil, asegurou despois de coñecer a decisión do TSXG que suspende cautelarmente o acordo do Consello da Xunta polo que se aproba a modificación da aprobación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico Serra do Oribio que supón un respaldo, aínda que provisional, ás denuncias das organizacións ecoloxistas e a Plataforma Salvemos o Iribio con quen o BNG comparte que esta decisión xudicial supón o primeiro chanzo para a anulación do proxecto eólico.
Rodil destacou “unha Declaración de Impacto Ambiental de hai 14 anos non pode xustificar a destrución dun espazo Rede Natura 2000 como o Iribio”.
A Serra do Iribio trátase dunha zona de relevancia paisaxística, ambiental, etnográfica, entre outras virtudes, na que xa ten recoñecemento de zona protexida formando parte da rede de espazos naturais protexidos da Rede Natura 2000 e está declarada ZEPVN e ZEC (Zona de Especial Conservación) na demarcación Ancares-Courel.
Este feito recólleo ó auto e pola que o pronunciamento da sala respalda a paralización provisional da actividade da construción do parque eólico, xa que este comezou grazas á resolución dunha declaración que se produciu no goberno popular en funcións de Fraga no ano 2005, un documento que non ten en conta nin as mudanzas normativas aprobadas nestes anos nin tampouco o grao de protección do que goza desde 2014 este enclave natural.
Porén, a Xunta de Galiza ten que velar pola conservación do patrimonio natural de Galiza, non favorecer a súa destrución. O BNG seguirá vixiante sobre esta cuestión, parabeniza as entidades e persoas que se mobilizan na defensa do territorio e lembra que é fundamental garantir o debido equilibrio entre a actividade económica e industrial coa necesaria protección medioambiental que tamén é fonte de riqueza e vida.