Viveiro, 4 de outubro de 2019. No día de hoxe remitiuse á Consellería de Infraestructuras e Mobilidade a resposta do Concello de Viveiro ao informe emitido polo Xerente de Augas de Galicia e remitido a este concello en data 2 de outubro de 2019, sobre as principais deficiencias detectadas no sistema de saneamento do Concello de Viveiro.
No escrito remitido fíxose constar o seguinte:
“PRIMEIRO.- Que este concello xa era coñecedor da existencia de deficiencias no saneamento municipal, nas que leva tempo traballando co fin de conseguir o saneamento integral da Ría de Viveiro
SEGUNDO.- Que tiñamos constancia da existencia de entradas de auga de mar á rede de saneamento, a pesar de que xa existen clapetas en todos os aliviadoiros dos bombeos de residuais. Neste sentido cómpre explicar que VIAQUA -empresa concesionaria do Servizo de Augas no Concello de Viveiro- xa vén realizando un mantemento continuo das mesmas para minimizar as infiltracións de augas de mar á rede de saneamento. De todos os xeitos estase estudando a substitución das clapetas instaladas por outras máis eficientes, que garantan a estanqueidade total dos aliviadoiros.
En canto aos colectores, o problema de filtracións ten lugar nos que se atopan por debaixo do nivel do mar, non podendo garantirse a súa estanqueidade pola antigüidade dos mesmos e polo seu propio emprazamento. Este é un problema común a todos os servizos de saneamento das zonas costeiras, non exclusivo do Concello de Viveiro. A solución a este problema dos colectores non é inmediata, pero tratarase de facer unha substitución progresiva dos colectores máis antigos para mellorar a estanqueidade.
TERCEIRO.- En referencia aos vertidos á rede de saneamento municipal, estase a elaborar un Regulamento do servizo municipal de abastecemento, saneamento e depuración de augas residuais deste concello, no que, entre outros aspectos, xa se regulan os “permisos de vertedura á rede de saneamento” e as limitacións e parámetros que deben cumprir. Entedemos que esta medida permitirá o control das vertidos á rede de saneamento municipal.
CUARTO.-En canto aos puntos de vertido detectados polo Plan de Control de Vertidos que leva a cabo Augas de Galicia, cómpre indicar, en primeiro lugar, que o Concello de Viveiro vén traballando dende hai anos na eliminación destes puntos, con resultados evidentes e constatables. Dos doce puntos de vertido inventariados a finais do ano 2017, xa se eliminaron cinco dos máis controvertidos (por tratarse de puntos con elevada carga contaminante e que vertían directamente á ría).
Con respecto aos sete puntos restantes, aos que se fai referencia no informe, faise constar que:
– Os puntos V-00414 e V-13211, ubicados na parroquia de Galdo, non son a día de hoxe competencia deste concello, xa que non existe rede de saneamento nesa zona. Non obstante, o departamento de medio ambiente municipal colaborou con Plan de control de Vertidos remitindo comunicacións aos posibles responsables, coa intención de intentar eliminalos. Nos vindeiros días iniciaranse as obras recollidas no proxecto “Dotación de Servizo de Saneamento na Parroquia de Galdo”, que solventarán estes dous puntos. De todos os xeito, cómpre ter en conta que estes dous puntos son de excasa entidade, vertendo a unha cuneta.
– O punto V-00670, situado detrás da Estación de autobuses, segue dado de alta pola existencia dalgún resto de contaminación, a pesar de que a carga contaminante se reduciu considerablemente (pasando de 53.000.000 de E.coli no ano 2016 a 150.000 na actualidade) grazas aos requirimentos e ao traballo do concello, que continúa traballando na búsqueda da orixe deses restos.
– O punto V-12056 (Chaos-Chavín) non é competencia deste concello por non existir rede de saneamento nesa zona, pero como xa mencionamos anteriormente, tamén neste caso o concello colaborou con Plan de control de vertidos contactando cos veciños da zona.
– Dos tres puntos restantes, o V-10465 (conservatorio de música) e o V-19685 (Nogarido) están sendo investigados polo concello e Viaqua e xa se fixeron os correspondentes requirimentos para tratar de dar coa orixe dos mesmos, cousa que non sempre é doado pola complexidade das redes antigas. Con respecto ao punto V-13153 (Landrove) está proxectado solventalo executando unha extensión da rede de saneamento na marxe esquerda LU-540 sentido Vilalba e LU-161.
Agardo que estas explicacións sirvan para entender o traballo que dende o Concello de Viveiro se vén realizando nesta liña, consideramos que os avances realizados con respecto ás deficiencias detectadas no sistema de saneamento do concello son realmente destacables tendo en conta a complexidade de resolución dalgúns destes puntos.
Entendemos que o saneamento da ría de Viveiro é o obxectivo principal de todas as administracións implicadas e dende o Concello de Viveiro existe o firme compromiso de seguir traballando nesta liña.”
Tal e como se explica no escrito remitido á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, o Concello de Viveiro está a traballar intensamente coa finalidade de eliminar os puntos de vertido existentes. A Xunta de Galicia sabe que estes puntos se reduciron considerablemente e debería ter constancia de que este é un dos concellos que máis intensamente está a traballar neste liña, colaborando en todo momento co Plan de Control de Vertidos.
É evidente, por outro lado, que Viveiro non é o único concello galego que ten puntos de vertido, polo que agardamos que dende a consellería se actúe cos demais concellos igual que se fixo con Viveiro, remitindo o informe referido e publicando a información do mesmo nos medios de comunicación.
A Alcaldesa
María Loureiro García