Avisou Peque, quedando soa no minuto 4 fronte a Sara e estrelando o esférico contra o pau. No 6, a meta ferrolá evitou coa man a tentativa de Cilene e viuse obrigada a retirarse con molestias nun ombreiro; asumiu entón a defensa da rede Sheila e quedou sen rotacións o conxunto visitante. Luci retomou a avalancha batendo coa 2 ferrolá por arriba no 7, tentárono segundos despois Ale de Paz e Jenny Lores no rexeitamento. Resistiuse a portería; de novo a galopada da 21 laranxa foise alta. Jane e Cilene tampouco tiveron fortuna nos últimos metros e, contra todo prognóstico, foi o Valdetires o que inaugurou o marcador, no minuto 12, en contragolpe de Diana, que chegou soa ante Jozi, tras un erro de pase das burelistas na cancha rival. Peque aliouse por fin coa afinación e recuperou as táboas no 14, a pase de Cilene. Bea Mateos ampliou no 16, aproveitando un rexeite. Antes do descanso, Sheila aínda interveu nun par de ocasións máis.
Cilene y Jenny ampliaron a fenda no comezo do segundo acto para atar o triunfo. Dany selou o quinto laranxa, no 32, con Paula baixo paus. Jenny e Lara Balseiro cobraron protagonismo goleador no 35 e 36; o entendemento entre a 9 e a 10 mariñás subiu o oitavo, no 39. A internacional lusa completou a clara vitoria a 45 segundos do final.
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Cilene, Peque, Jenny, Bea Mateos, cinco inicial; tamén xogaron Dany, Ale de Paz, Luci, Jenny Lores, Jane, Lara Balseiro, Ana Romero
Valdetires Ferrol FSF: Sara Martínez, Sheila, Sara Crespo, Ainhoa, Paula, cinco inicial; tamén xogaron Diana
Goles: 0-1, minuto 12, Diana; 1-1, minuto 14, Peque; 2-1, minuto 16, Bea Mateos; 3-1, minuto 23, Cilene; 4-1, minuto 24, Jenny Lores; 5-1, minuto 32, Dany; 6-1, minuto 35, Jenny; 7-1, minuto 36, Lara Balseiro; 8-1, minuto 39, Jenny; 9-1, minuto 40, Jenny
Árbitros: Menéndez Nistal // Goyos López (A Mariña).
Incidencias: Partido correspondente á fase de grupos da XIV Copa Galicia disputado en Vista Alegre