Esta primeira toma de contacto serviu para trazar unha folla de ruta cara ó futuro que permita integrar á maior cantidade de xente interesada posible. Na xuntanza, da que foron previamente informados tanto a dirección da residencia como o concello, faláronse os máis diversos temas, dende as incidencias que xa leva pasado nos meses de funcionamento á difusión da existencia da propia asociación, pasando pola mellora evidente entre o despois e o antes da inauguración, as liñas de actuación, a necesidade de apoio ó funcionamento, as preocupacións cara ó futuro, as alegacións ás normas de funcionamento, o descoñecemento da normativa legal por parte dor reunidos, etc.
O acordo fundamental de que os temas relacionados coa mellora das condicións de vida dos nosos maiores non son para tratar como queixas na rúa, senón encadrados nunha colaboración estruturada, levou ó esbozo das liñas de actuación a manter ata a próxima xuntanza da asociación, prevista para antes do inverno.