Burela, 26 de outubro, 2019. O Pescados Rubén Burela FS conseguiu esta tarde non só dar continuidade á súa imbatibilidade, do mesmo xeito que o resto do podio, senón tamén atopar a chave do seu acerto goleador, cun claro 6-0 na visita do STV Roldán FSF na xornada 7.
Vista Alegre marcou a vantaxe na primeira parte con 2-0, de Dany e Peque. A 7 laranxa abriu e pechou a conta goleadora na segunda parte, con dianas tamén de Cilene e Jenny Lores.
Dominio, velocidade, calma para tomar as decisións acertadas e máis afinación sobre a rede, ademais de gran participación de todas as xogadoras. “Foi un partido moi completo en todos os aspectos. Xogamos cunha gran velocidade, participando 3-4 xogadoras en accións ofensivas e defensivamente con gran reacción; viuse na última xogada, a falta de 20 segundos, con repregamentos das catro que estaban en pista. Este é o Burela que quero ver, o que fai gozar á xente” explicaba Julio Delgado ao finalizar o encontro. “Hoxe demostramos que podemos aspirar a todo e ademais con marxe de mellora. Temos que ir medrando aos poucos chegar o mellor posible aos play off e iso é o que trato de transmitirlles ás xogadoras”, puntualizaba o técnico.
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Dany, Cilene, Peque, Jenny Lores, cinco inicial; tamén xogaron Jenny, Ale de Paz, Bea Mateos, Luci, Lara Balseiro, Jane, Jozi
STV Roldán FSF: Etayo, Claudia, Bet, Ángeles, Marta, cinco inicial; tamén xogaron María, Mio, Tere, Cristi, Alba
Goles: 1-0, minuto 3, Dany; 2-0, minuto 17, Peque; 3-0, minuto 21, Peque; 4-0, minuto 25, Cilene; 5-0, minuto 29, Jenny Lores; 6-0, minuto 37, Peque
Árbitros: Martínez Torres // Castro Nantes. Por Burela amarela a Jenny (minuto 15). Por Roldán amarela a Bet (28), Ángeles (39)
Incidencias: Partido correspondente á xornada 7 de Primeira División disputado no pavillón Vista Alegre de Burela