Viviu Vista Alegre un gran monólogo das Guerreiras. No minuto 13, Jane, de rexeite, conseguiu por fin abrir o luminoso. Elisa salvara con solvencia a rede madrileña ata o momento ante as embestidas burelistas, con Jenny e Lara Balseiro entre as destacadas. Medrou en perigo entón aínda máis o Pescados Rubén, cunha porteira moi acertada. Cilene e Jane intentárono nos seguintes compases, Bea Mateos non puido finalizar con éxito ao segundo pau o pase da 6 brasileira. A propia Cilene e Ale de Paz foron dúas das que puxeron máis en apuros, sen a recompensa merecida.
Renovouse o xogo con cambio de gardametas, con Ana Romero e Sandra. Jane tivo o segundo no 24 estrelándose contra a porteira, tras unha tímida contra protagonizada por Patri. Por fin se ampliou a vantaxe para dar tranquilidade no luminoso; tan só un minuto fíxolle falta á internacional Peque para selar dobre diana, primeiro nun lanzamento que superou lentamente a liña de meta nunha tentativa infrutuosa por evitalo e pouco despois nunha deixada atrás. Faltaban cinco minutos e o Leganés atopou o gol, a través de Werner, tocando en última instancia en Dany. Optaron entón as de Iván Labrado polo xogo de cinco con Saki. Mantivo a renda o Pescados Rubén Burela ben e aínda dispuxo dun par de ocasións a porta baleira.
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Dany, Cilene, Peque, Jane, cinco inicial; tamén xogaron Jenny, Bea Mateos, Luci, Jenny Lores, Ale de Paz, Lara Balseiro, Ana Romero
Leganés Masdeporte FSF: Elisa, Patri, Lucía, Rocío, Elena, cinco inicial; tamén xogaron Chuli, Saki, Werner, Andrea, Sandra
Goles: 1-0, minuto 13, Jane; 2-0, minuto 26, Peque; 3-0, minuto 27, Peque; 3-1, minuto 35, Werner
Árbitros: Carreira Romero // Coello Martínez.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 5 de Primeira RFEF disputado en Vista Alegre cuns 600 espectadores/as. Pescados Rubén Burela e Leganés Masdeporte Deron a Cara contra o Cancro cun fair play en Rosa, pola proximidade do Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama -19 de outubro-.