25 de outubro, nota de prensa. Resultado: Ribadeo terá máis luces de Nadal por persoa que Vigo. Os xornais destacaron a competición con Vigo, pero aínda así, non chegaron a ese dato: en Vigo, ao parecer, instalaranse unhas 10 000 000 de luces, ou sexa, sobre 25 por persoa. En Ribadeo, 800 000, iso é, contando a toda a xente do concello, 80 por persoa, máis de tres veces máis (máis de cen por persoa se se considera só os habitantes da vila).
Parece que as árbores non deixan ver o bosque, e os visitantes no Nadal non poderán ver a magnificencia do ceo estrelado ou as nubes cambiantes ocultando a Lúa de noite, pois para algo están as luces. Neste caso, para deslumbrar ós visitantes (e, efecto colateral, ós locais)
A nota do concello destaca o esforzo para que Ribadeo sexa visible en toda a bisbarra. Custe, contaminación enerxética e visual, ou gusto, son arrumbados fronte as luminosas cifras postas sobre a mesa. Non en van dispónse de 23 900 €/ano que van ser radiados na noite ribadense como un extra sobre a iluminación normal. Se o ano pasado foron 13 500 €, implica un aumento do 77 % fronte a un ano atrás. Haberá quen diga, non importan os cartos cando se trata de fardar. Aínda que o pretendido, segundo a nota de prensa, é que ‘se nos vexa’ na bisbarra para que a xente consuma en Ribadeo. Ou sexa, trátase de consumir máis para facer que a xente consuma máis nese mesmo lugar. Enténdese pois que a acción está proposta non de cara ós ribadenses, senón como como subvención extra a ACISA (lembranza: asociación de comerciantes, industriales, servicios y autónomos de Ribadeo).
Non se pode dicir moito máis, pois o único a considerar para o contrato da iluminación das oitocentas mil luces será ‘a oferta económica máis ventaxosa’. Con iso, enténdese que as luces outras luces, como as do campo de fútbol, que levan anos deslumbrando ó ir pola estrada de Vilela, serán reforzadas para quedarmos máis deslumbrados, e, co deslumbre, convertidos os visitantes e tamén os ribadenses en consumistas.
É posible que sexan ‘luces bonitas’, pero coa súa visión non poderei menos que pensar noutras cousas a máis de xulgar a intensidade da súa beleza. Por exemplo, a eficacia da medida na potenciación do consumo, o retorno directo ós ribadenses desa inversión ou se o Ribadeo que queremos é un Ribadeo ‘deslumbrado’ por luces artificiais.