Site icon Crónica3.com A Mariña

Ordenadores, tablets e teléfonos móbiles poden causar nos traballadores fatiga visual e física. Ese foi un dos asuntos abordados na xornada sobre hábitos saudables no comercio de proximidade, que se celebrou en Foz

 Foz, 16 de outubro de 2019. Arredor de 20 persoas asistiron na noite de onte na Casa da Cultura, de Foz, a unha xornada sobre hábitos saudables no comercio de proximidade. Foi pola Federación Galega de Comercio, que contou coa colaboración do Centro Comercial Aberto e co financiamento da Xunta de Galicia.
A charla foi impartida por Carmen Ripamonti Mondelo, que é técnica de Prevención de Riscos Laborais, docente e consultora de calidade no servizo de comercio de proximidade.
A ponente falou sobre as principais problemáticas do sector en materia preventiva, especialmente no referente a novos riscos, ergonómicos e psicosociais, asociados á utilización das novas tecnoloxías. Referiuse, por exemplo, ás fatigas visual e física, que nos poden causar os ordenadores, tablets ou teléfonos móbiles e tamén ás posturas incorrectas que mantemos diante destes aparatos e que desembocan en doenzas de cervicais, de costas, de mans e de ombreiros.
Carmen Ripamonti tamén aludiu á seguridade e subliñou que os postos de traballo deben estar adaptados ás persoas ao igual que os negocios co obxectivo de evitar riscos como caídas, tropezos ou desprazamento do material almacenado. A técnica fixo fincapé na necesidade de colocar os ordenadores á altura axeitada de cada persoa e de contar con boa iluminación e con cadeiras regulables en altura e con rodas, entre outras cousas.
O obxectivo desta xornada centrouse en sensibilizar en materia preventiva a empresarios e traballadores e no fomento de hábitos saudables.
O presidente de ACIA/CCA de Foz, José Carlos Paleo, dixo que a asociación focense leva moitos anos de colaboración coa Federación Galega de Comercio realizando diversas charlas e actividades ao longo de ano e agradeceulle ao Concello a cesión da Casa da Cultura para poder levar adiante esta xornada.

Exit mobile version