Foz, 16 de outubro de 2019. Arredor de 20 persoas asistiron na noite de onte na Casa da Cultura, de Foz, a unha xornada sobre hábitos saudables no comercio de proximidade. Foi pola Federación Galega de Comercio, que contou coa colaboración do Centro Comercial Aberto e co financiamento da Xunta de Galicia.
A charla foi impartida por Carmen Ripamonti Mondelo, que é técnica de Prevención de Riscos Laborais, docente e consultora de calidade no servizo de comercio de proximidade.
A ponente falou sobre as principais problemáticas do sector en materia preventiva, especialmente no referente a novos riscos, ergonómicos e psicosociais, asociados á utilización das novas tecnoloxías. Referiuse, por exemplo, ás fatigas visual e física, que nos poden causar os ordenadores, tablets ou teléfonos móbiles e tamén ás posturas incorrectas que mantemos diante destes aparatos e que desembocan en doenzas de cervicais, de costas, de mans e de ombreiros.
Carmen Ripamonti tamén aludiu á seguridade e subliñou que os postos de traballo deben estar adaptados ás persoas ao igual que os negocios co obxectivo de evitar riscos como caídas, tropezos ou desprazamento do material almacenado. A técnica fixo fincapé na necesidade de colocar os ordenadores á altura axeitada de cada persoa e de contar con boa iluminación e con cadeiras regulables en altura e con rodas, entre outras cousas.
O obxectivo desta xornada centrouse en sensibilizar en materia preventiva a empresarios e traballadores e no fomento de hábitos saudables.
O presidente de ACIA/CCA de Foz, José Carlos Paleo, dixo que a asociación focense leva moitos anos de colaboración coa Federación Galega de Comercio realizando diversas charlas e actividades ao longo de ano e agradeceulle ao Concello a cesión da Casa da Cultura para poder levar adiante esta xornada.