Lugo, 17 de outubro de 2019. Este sábado preséntase no Cenima de Foz o libro “Navegando a bordo do San Lourenzo de Foz”, de Antón Niñe (Barreiros, 1958).
O volume, editado polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, afonda na historia desta embarcación de cabotaxe, paradigma da vinculación de Foz co mar e as rutas de transporte marítimo que dinamizaron a costa cantábrica ata ben entrada a segunda metade do século pasado.
O autor tomou como referencia as anotacións, rexistros e fotografías que o seu pai Eugenio Niñe, patrón do San Lourenzo entre 1950 e 1965, atesourou e custodiou durante medio século.
Con ese material documental como punto de partida, o narrador informa sobre a construción do barco, as viaxes realizadas entre a Baiona de Iparralde e a Ría de Vigo, a tripulación, os portos, salarios e materiais transportados pero tamén recrea anécdotas e tempos de festa e lecer a bordo do barco que fixo as súas últimas viaxes a finais do ano 1965.
A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, e o primeiro tenente de alcalde de Foz, Francisco Xavier Fanego, acompañarán a Antón Niñe na presentación do libro, que se celebrará ás 13:00 horas. Tamén intervirá o mestre Bernardo Penabade Rei, que escribiu o prólogo do libro.