Ribadeo, 10 de outubro de 2019. O vindeiro domingo, 13 de outubro, terá lugar a XII Feira da Horta, nas inmediacións da praza de abastos de 9 a 14 horas. Con esta cita rematará a tempada estival do Mercado dos Domingos, que se ven celebrando desde principios do verán.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, lembra que “esta feira vense realizando anualmente con motivo do peche da tempada estival do Mercado dos Domingos. Está organizada polo Concello Ribadeo en colaboración coa asociación de produtores e produtoras da horta A Sucadoira “.
Vizoso subliña que “este evento ten coma obxectivo promocionar o consumo de proximidade e local, o apoio aos nosos produtores e a mellora da economía do noso concello”.
O edil ribadense conta que “a feira dará comezo as 9:00 horas na contorna da praza de abastos, onde poderemos participar da venda de produtos locais da horta e outros máis elaborados como conservas, coitelería, embutidos e panadaría, coma cada domingo. Ás 11:30 horas organízase un obradoiro de cosmética natural no que as persoas participantes poderán aprender cómo elaborar produtos naturais sen ningún tipo de compoñente químico. O taller é gratuíto e as persoas que desexen participar deberán inscribirse no correo electrónico de adl@ribadeo.org ou ben poñerse en contacto coa Área de Desenvolvemento Local. E a partir das 12:30 horas tamén haberá música co grupo Rocking Robins”.
Vizoso engade que “durante toda a xornada teremos unha mostra de produtos locais, así coma unha degustación de pratos realizados con produtos da horta”.
Tanto o concelleiro de Desenvolvemento Local como a presidenta de A Sucadoira, Ana Díaz, convidan “a participar a toda a cidadanía a achegarse á feira da horta e a colaborar co desenvolvemento local da zona, mercando produtos de proximidade, de calidade e da nosa terra”.