Así, José Tomé mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo co rexedor de Ribadeo, Fernando Suárez, co que analizou os proxectos que a Deputación impulsou ou ten en marcha no concello, entre eles, a reconstrución do terreo de xogo do estadio de fútbol Pepe Barrera, unhas actuacións en execución que está previsto que rematen a principios de ano e ás que a institución provincial destinou 140.000€. “Agradezo que, á primeira chamada, o Presidente da Deputación viñera”, dicía Suárez no marco do encontro, no que aproveitaba para reprocharlle á Xunta de Galicia a súa falta de compromiso co municipio. “A Deputación ten que ser o Concello dos concellos e este goberno vai atender a todos”, afirmou o Presidente na súa segunda visita á Mariña no que leva de mandato.
No Concello de Barreiros, Tomé encontrarase coa Alcaldesa, Ana Ermida, xunto coa que coñecerá esta tarde o estado da estrada de Reinante que comunica a N-634 coa praia de Arealonga, a LU-P-0604. A Deputación ten previsto arranxar o aglomerado desta vía provincial cun investimento superior aos 60.000 euros. As obras comezarán en canto as condicións meteorolóxicas o permitan.
O mandatario provincial visitará tamén o Concello de Viveiro, onde manterá unha reunión coa Alcaldesa, María Loureiro. Tomé firmará no Libro de Ouro da cidade do Landro e falará coa rexedora dos temas de interese para o municipio, ademais de coñecer actuacións que contan con investimento provincial na localidade como as obras de conservación e mantemento da Oficina de Turismo, para a que se destinaron 20.430,31 euros; a reposición de pavimentos e servizos na rúa Benito Galcerán entre o número 16 e o Colexio de San Roque, que contan cunha achega de 43.359,78 euros; ou a reposición da rede de abastecemento de auga na marxe esquerda da rúa San Roque por valor de 78.463,15 euros. José Tomé tamén aproveitará para abordar coa Alcaldesa outras actividades e iniciativas que contan con investimento do organismo provincial por un importe de 78.463,15 euros, como a Rapa das Bestas de Candaoso ou as festas patronais.
O Presidente da Deputación pechará a xornada en Mondoñedo, onde participará no pregón das festas das San Lucas, para as que a Deputación achega 20.000 euros á asociación organizadora.