Lugo, 18 de outubro de 2019. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, xunto á Alcaldesa de Viveiro e Deputada provincial, María Loureiro García, o Secretario Xeral de Industria e de Pequena e Mediana Empresa do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, Raúl Blanco Díaz, acompañados doutras autoridades, participaron este venres na fábrica de Vestas Generator nos actos conmemorativos do 20 aniversario da implantación desta empresa no concello viveirense.
Tomé Roca puxo en valor a actividade deste proxecto empresarial para a provincia, converténdose, ao longo destes anos, nun referente industrial, e sinalou que “a chegada de Vestas a Viveiro supuxo un incremento no emprego e no PIB xerado na comarca, con uns 150 empregos de media na plantilla ao longo destes anos e un importante impacto no desenvolvemento de empregos indirectos”.
“Estou convencido de que nesta liña de traballo, de cooperación e aposta polo futuro, traballando xuntos, poderemos celebrar no futuro novas datas e novos éxitos de Vestas. Que son, para nós, os éxitos de Viveiro, da Mariña, da provincia de Lugo e das súas xentes”.
Durante o acto de aniversario, as autoridades participantes, acompañadas de clientes da fábrica e membros da directiva, realizaron unha visita guiada ás instalacións da plantilla co fin de coñecer, máis polo miúdo, o funcionamento desta empresa así como aos seus traballadores e traballadoras. Neste encontro tamén se realizou a presentación do vídeo recompilatorio da historia de Vestas e descubriuse a placa conmemorativa, a cargo da Alcaldesa de Viveiro.
A empresa danesa Vestas asentouse en Chavín (Viveiro) no ano 1998, sendo a día de hoxe líder na fabricación de palas, xeradores e na produción de enerxía eólica. Na actualidade, conta con presencia en diferentes países como Dinamarca, Alemaña, Estados Unidos ou China, entre outros.