Por exemplo, para a recuperación do miradoiro Monte Faro, a Xunta aportou 24.832 euros dos 38.203 euros que custou. Xa imos dando a cada un o seu. Pero neste labor de xustiza, aínda nos queda camiño que andar. Fala a alcaldesa da reposición de pavimentos e servizos na rúa Benito Galcerán, que se fixo con cargo ao convenio coa Deputación. Ve señora Loureiro como é fácil dar a cada un o seu? E Seguimos, porque a Xunta subvencionou o 100% dos 94.687 euros da obra de mellora do firme, saneamento, recollida de pluviais, abastecemento e alumeado no Camiño Vello.
Como facer xustiza sempre é bo, seguimos co detalle de quen e quen á hora de investir en Viveiro. Á Xunta se debe tamén a subvención polo 100% do importe da obra de reforma da instalación eléctrica do campo de fútbol municipal, por importe de 46.240 euros. E seguimos, que isto vai ben para que os veciños saiban como son as cousas dos cartos á hora de facer obras en Viveiro. A renovación de aceras e firme na avenida de Vilalba (32.117 euros) e a ampliación do saneamento de Toxeiras (autorizada por Augas de Galicia) son financiadas con cargo ao Plan Único da Deputación; recorda señora Loureiro que plan é ese e canto lle debe ao PP, incluídos claro, os votos para aprobalo. E con subvención ao 100% a cargo da Xunta, por medio do Agader, (menos o IVE) finánciase a reposición do firme de varios camiños. E outra cousiña, o Plan único da Deputación tamén cubre a maior parte do custo da obra de substitución do pavimento do pavillón municipal.
O grupo popular, que ten por voceiro a Óscar Rodríguez, confía en que, en adiante, a alcaldesa de Viveiro non esqueza dar a cada un o seu, que, en casos como este, quere dicir deixar claro quen paga as obras que se fan no municipio. É unha cuestión de transparencia e honestidade no xogo político. Verá que pouco custa facer as cousas ben!