Viveiro, 24, outubro, 2019. «A indecisión tremenda da alcaldesa, María Loureiro (PSOE), prexudica seriamente aos veciños de Viveiro, porque provoca retrasos moi graves na execución das obras que precisa o concello». Así o sinala o voceiro do grupo municipal popular, Óscar Rodríguez, que considera que a alcaldesa coa súa crítica aos orzamentos da Xunta para 2020 «xa non engana a ninguén, porque todos os veciños saben que o retraso en temas fundamentais para o municipio son consecuencia da indecisión de quen ten a máxima responsabilidade no goberno local».
Rodríguez recorda que no proxecto de orzamentos autonómicos para o próximo exercicio figuran inversións no termo municipal que totalizan 8.473.784 euros, máis outras intervencións das que tamén sairán directamente beneficiados os veciños que suman máis de 840.000 euros. «O de Viveiro recibe inversións considerablemente cuantiosas. Por iso resulta tan disparatada a crítica que fai a alcaldesa; as súas queixas neste caso non deixan de ser puro teatro, un xeito de facer política barata».
Os concelleiros populares desarman, por medio do voceiro do grupo, as críticas de Loureiro ao suposto electoralismo das partidas para Viveiro incluídas nos orzamentos da Xunta. «Chamar fume electoral a case nove millóns de euros é, como mínimo, unha irresponsabilidade», di Óscar Rodríguez. Tamén sinala: «Nunha cousa ten razón a alcaldesa: os veciños están moi cansos, si, pero moi cansos de que a indecisión da alcaldesa retrase a execución de proxectos que son moi necesarios para o municipio». Engade: «As queixas da alcaldesa son queixas que poden facerlle a ela directamente os veciños, porque se non se executaron obras que figuraron en anteriores orzamentos da Xunta foi porque o Concello non fixo o que tiña que facer, ou o fixo tarde». Nesta liña, destacou que o goberno municipal presidido por Loureiro tivo o proxecto para Xunqueira seis meses riba da mesa sen resposta.
Os populares opinan que «con críticas como a que fixo aos orzamentos, a alcaldesa vai perdendo credibilidade entre os veciños, pero parece que só ela non se da conta de cal é a realidade».
Óscar Rodríguez manifestou tamén: «Os veciños poden comprobar persoalmente, cada día, que a Xunta de Galicia é a Administración que máis inviste en Viveiro, por iso resulta tan sorprendente e fora de lugar á crítica da alcaldesa ao orzamentos autonómicos para 2020».