Lugo, 16 de outubro, 2019. Practicamente ao mesmo tempo que un cento de camións partían desde As Pontes para Madrid para esixir ao Goberno medidas para garantir o futuro da planta de Endesa, e a poucas horas dunha concentración en San Cibrao en defensa de Alcoa, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, declaraba na Praza Maior da cidade amurallada que «a Lugo vaille ben cando os socialistas gobernan». Tal declaración, en medio da grave crise que atravesan Alcoa-San Cibrao e Endesa-As Pontes e da angustia que padecen ás familias dos traballadores, constitúe, segundo a presidenta provincial do PP, «un verdadeiro insulto á xente de Lugo». Candia critica tamén con dureza que o presidente da Deputación, José Tomé, despois de votar contra a moción popular en defensa de Endesa-As Pontes, se sumase ao coro de Caballero para dicir sen ruborizarse que a Lugo vaille ben cando gobernan os socialistas.
«Hai que ter unha desvergonza infinita para vir á capital da provincia a dicir que Lugo necesita un goberno de progreso como o de Sánchez, cando miles de traballadores e as súas familias viven sumidos na angustia de ver en perigo o seu futuro, precisamente pola irresponsabilidade do Goberno socialista na planificación da transición enerxética e a falta de medidas políticas, que só el pode tomar, para garantir o futuro de Alcoa-San Cibrao e Endesa-As Pontes». Pero, pregúntase Candia, ata onde pode chegar a falta de empatía e de solidariedade dun líder político que di cousas como esas cando os camioneiros da Terra Cha e os de doutras comarcas, xunto coas súas familias, están en Madrid manifestándose para esixir medidas que garantan o seu futuro laboral? Resulta politicamente inaudita tanta desvergonza, sinala Elena Candia, cando está en xogo o futuro de centos de familias, precisamente pola inacción e a falta de planificación do Goberno presidido por Pedro Sánchez.
Para a presidenta provincial do PP, resulta tan desagradablemente sorprendente como as declaracións de Gonzalo Caballero o feito de que, ao facelas diante da casa consistorial de Lugo, estivese acompañado polo presidente da Deputación, José Tomé. «O presidente da Deputación saíu do pleno no que votou contra a moción que presentamos os populares en defensa e pola supervivencia de Endesa-As Pontes e foi apoiar a Caballero mentres dicía que a Lugo vaille ben cando gobernan os socialistas; o José Tomé da foto con Caballero mentres se ría dos lucenses, é o mesmo que nos acusou a nós de buscar espectáculo porque presentamos, primeiro, unha moción en defensa de Alcoa-San Cibrao, e onte, martes, outra para esixir ao Goberno medidas para garantir o futuro de Endesa-As Pontes». Agregou: «O pleno é o marco no que se teñen que presentar e debater as propostas, fronte ás que se retrata cada grupo; o PSOE onte retratouse rexeitando a nosa moción en defensa de Endesa-As Pontes e despois coas declaración de Caballero, con José Tomé de palmeiro».
Candia manifestou: «Na provincia de Lugo sabemos por experiencia que aos lucenses non lles vai ben, senón todo o contrario, cando o Goberno da nación está nas mans do PSOE. Hai moitos exemplos no pasado. No presente, neste momento, a angustia que viven as familias dos miles de traballadores de Alcoa-San Cibrao e Endesa-As Pontes é a mellor demostración do ben que lle vai a Lugo co goberno socialista presidido por Pedro Sánchez. Vaille tan ben que por iso hai lucenses participando en manifestacións en Madrid e San Cibrao en defensa do seu futuro, que ven moi ameazado». A presidenta provincial do PP conclúe: «Señor Caballero, en política non vale todo».