O popular José Antonio García deixou claro, ao fío dunha moción do BNG, que coñece ben a importancia do corredor Nadela-Monforte para a comarca de Sarria. García someteu a análise o feito pola Xunta bipartita en relación co citado corredor e o que fixeron os gobernos presididos por Alberto Núñez Feijoo, incluído o actual. Nesta liña, fronte ao falar por falar dos nacionalistas, o citado deputado provincial recordou que o DOG xa publicou o proxecto de inicio do desdobramento do corredor, para a primeira fase, cun orzamento de 23 millóns. Esta obra, asegurou, farase en dous anos. Sinalou que foi o propio Feijoo, cando era conselleiro de Política Territorial, o que lanzou a idea deste corredor. «Os de Lugo non somos nin tontos, nin parvos e moito menos se consideran cidadáns de segunda»; así respondeu García as repetidas afirmacións de que se trata aos de Lugo como cidadáns de segunda. Tras escoitar aos portavoces do PSOE e do BNG, o deputado popular asegurou: «Dóelles que as obras continúen e se vaia articulando a provincia». O PP apoiou a moción nacionalista para que a Xunta dea prioridade nos seus investimentos ao desdobramento do corredor.
O Partido Popular deixou constancia da súa preocupación polo que parecen ser plans de Renfe para substituír o actual material rodante para servizos de viaxeiros no tren hotel Lugo-Barcelona por outro máis antigo, que podería incrementar aínda máis o tempo de viaxe e facelo máis incómodo. A defensa desta iniciativa, co obxectivo de instar ao Goberno central á mellora das comunicación entre Galicia e Cataluña, correu a cargo da deputada Dolores Castro. Tanto o PSOE como o BNG, á hora de votar, decidiron absterse. Castro deixou claro que a moción que defendeu tiña como obxectivo frear calquera plan de Renfe para empeorar o servizo de tren hotel. Aproveitou a ocasión para recordar que non é a primeira vez que os grupos de goberno acusan ao PP de presentar mocións para facer «circo» e que despois se comproba a necesidade de tales iniciativas. Indicou que sería moi malo para a provincia que se materializase un cambio como o que anunciaron distintos medios de comunicación.
Preocupación compartida pola plataforma Lugo Non Perdas o Tren
A preocupación en Lugo polo futuro dos servizo ferroviarios é compartida por diversos sectores da sociedade. A plataforma Lugo Non Perdas o Tren quere que as máis altas instancias de Renfe respondan a varias preguntas, entre elas unha sobre o presunto cambio de material rodante, para poñelo máis antigo, na conexión Lugo-Barcelona.
Polo seu lado, Óscar Poy, polo Grupo Popular, logrou a unanimidade da corporación provincial para a súa proposta para a construción dun novo pavillón polideportivo na capital lucense e a redacción e aprobación dun regulamento para o uso das instalacións deportivas da Deputación. O citado deputado popular resaltou que todas as asociacións deportivas poñen de manifesto o feito da falta de infraestruturas deportivas na capital. Por outro lado, mostrouse convencido de que a aprobación dun regulamento consensuado evitará moitos problemas á Deputación.
Na mesma liña de interese pola mellora das infraestruturas da provincia, o Grupo Popular presentou no pleno de onte rogos para a mellora das seguintes estradas provincias: LU-P 0707 Armesto-Torés-Nogais, que no tramo de As Nogais entre os quilómetros 7 ao 16 está en moi mal estado: LU-P 4404 Riocabo-Aldurfe-As Rodrigas, do quilómetro 11,5 ao 18, en Riotorto; LU-P 1301 Seoane do Courel-Hospital e ramais a Piñeira e Lousada, entre os quilómetros 14 ao 20; LU-P 6406, en O Vicedo, Cristo da Portapena-Ponte Segade, especialmente no tramo máis próximo a Montesegade.
Noutro orden de cousas, por unanimidade, tras un cambio proposto polo PP, foi aprobada a moción presentada polos grupos de goberno para solicitar medidas urxentes para garantir o futuro de Alcoa-San Cibrao e Endesa-As Pontes. O deputado popular Agustín Baamonde tirou de cuña da mesma madeira socialista que o presidente da Deputación para iniciar a súa intervención coa coñecida frase de Alfonso Guerra: «A este país non o coñece nin a nai que o pariu». E atribuíu tal estado de cousas ao Goberno de Pedro Sánchez: «Arde Barcelona, carbonízanse As Pontes, electrocútase Alcoa, conxélase a economía, descarrila o AVE e todo por obra e graza dun Goberno que a base de estar continuamente en funcións está conseguindo que aquí non funcione absolutamente nada». Interpretou que o goberno provincial presentou á moción porque houbo «unha reacción social fortísima, con tres concentracións multitudinarias na Mariña lucense, unha folga xeral nas Pontes, mobilización de transportistas do carbón cara Madrid, a convocatoria dunhas eleccións para o 10 de novembro; iso foi o que fixo que o Goberno da nación e tamén este goberno provincial tomasen conciencia do problema». Hai que recordar que no seu momento, os socialistas votaron contra mocións do PP en apoio de Alcoa-San Cibrao e de Endesa-As Pontes; o propio presidente da Deputación, José Tomé, usou no seu día o seu voto de calidade para rexeitar unha desas mocións populares.
Por unanimidade tamén foi aprobada a moción do grupo socialista para reclamar a segregación da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e a creación da Autoridade Portuaria de San Cibrao. Polo PP interveu Jesús Novo, que deixou constancia da larga lista de acordos e pronunciamentos que sobre este asunto en distintos ámbitos institucionais, puntualizou algún aspecto das intervencións dos portavoces dos grupos de goberno e destacou que converter en porto comercial o dique de Alcoa e conseguir a autoridade portuaria «sería estupendo polos postos de traballo que crearía».
Noutro punto da orde do día foi aprobado coa abstención do PP o regulamento do Servizo de Audiovisuais da Deputación Provincial. Neste caso, a voceira do Grupo Popular, Elena Candia, destacou o valor do consenso e dixo que os acordos acadados no pasado mandato serán respectados independentemente de cales sexan as circunstancias políticas en cada momento.
A sesión plenaria completouse cunha declaración institucional subscrita por todos os grupos que conforman a corporación con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia Machista.