“Dende o Grupo do PP decidimos presentar esta moción; xa que o concelleiro de medio ambiente fixo escaso caso ante a nosa petición para presentar o plan de residuos na anterior sesión plenaria” cando dende o equipo de Goberno responderon dicindo que “o camión da recollida sae tódolos días” en lugar de facer entrega dunha copia do mesmo como tiña solicitado o Grupo Municipal Popular”. A este respecto, a popular engade que “o plan de residuos do Goberno de Ribadeo brilla pola súa ausencia” e, se existe, “non é útil”.
Sierra sinala, por outra banda, que “nos parece moi ben a idea de ofrecer colectores individuais para uso de supermercados e praceiros que ofrece Sogama -entidade dependente da Xunta de Galicia- e que xa recollíamos dende o PP de Ribadeo no noso programa electoral”.
Con todo, os populares reivindican “un plan de residuos serio e ben xestionado”; xa que consideran que, “ata o momento, non é o caso”.
Plan Municipal de Residuos 200-2005
Os populares recordan que “o equipo de Goberno do PP en Ribadeo puxo en marcha no ano 2000, despois de contar co apoio de toda a corporación municipal, un Plan Municipal de Residuos para o período 2000-2005 elaborado polo concelleiro de medio ambiente e dous técnicos especializados na materia que deu grandes resultados”. De feito, dende o Grupo Municipal Popular lembran que “Ribadeo foi entón o segundo municipio en contar cun plan deste tipo despois de A Coruña e o primeiro en consonancia co Plan de Residuos de Galicia”.
“Aquel plan contaba cun programa de limpeza viaria para o casco urbano e para as parroquias incluíndo desbroces de pistas e de todas as áreas recreativas para os 365 días do ano”, manifestan. Así mesmo, poñen en valor que incorporaba “planos coa localización de tódolos colectores do concello” e que, o plan no seu conxunto, “fixo que Ribadeo avanzase medioambientalmente tanto en documentos como en feitos: dotación de novos colectores, construción e posta en funcionamento do punto limpo ou do depósito de escombros da construción; ademais da sinalización das rutas de sendeirismo, fontes do lobo e dos muíños, construción da Casa da Ría, desenvolvemento de xornadas ambientais, etc”.
Dende o Grupo Popular cren que “ese traballo non pode quedar esquecido e débeselle dar continuidade aproveitando que o Concello de Ribadeo dispón por primeira vez dunha concelleira de medio ambiente con dedicación exclusiva”.
Concretamente, os populares propoñen para a súa aprobación na vindeira sesión do Pleno municipal que “o equipo de Goberno elabore un novo Plan Municipal de Residuos onde se aproveiten os resultados do primeiro Plan elaborado polo Partido Popular para o período 2000 – 2005, se utilicen as MTD no mercado para a súa elaboración e posta en marcha e se avance nas tendencias actuais do emprego verde e do Residuo Cero, entre outras medidas, para que Ribadeo volva ocupar o lugar, en termos medioambientais, que lle corresponde por tradición e por feitos tanxibles do pasado”.