Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo destaca a colaboración da Xunta de Galicia con dúas asociacións locais para o desenvolvemento de cursos de cociña e nutrición

 Ribadeo, 31 de outubro de 2019. A responsable do PP ribadense das relacións coas asociacións e colectivos do municipio, Marta Saiz, destaca a posta en marcha de dous cursos de cociña e nutrición en Ribadeo que organizan as asociacións de amas de casa e mulleres rurais do municipio co apoio da Xunta de Galicia.

A popular pon en valor a defensa dende a agrupación local do PP da colaboración entre os distintos axentes sociais e, nomeadamente, pola colaboración entre as administracións e os distintos entes asociativos. A este respecto, subliña as xestións do Grupo Municipal Popular para lograr a colaboración do Goberno galego con estas asociacións da vila para o desenvolvemento destas actividades de dinamización social.

Neste caso, ambas asociacións desenvolverán cursos de cociña e nutrición que contarán con destacados cociñeiros da comarca da Mariña como monitores e que, ademais, contribuirán a poñer en valor os distintos produtos da gastronomía da nosa provincia. Así mesmo, estas accións formativas servirán para achegarse a algúns aspectos do ámbito da nutrición.

Por outra banda, os populares ribadenses queren agradecer o traballo de tódalas persoas implicadas na organización destes cursos e no seu desenvolvemento; así coma a posta a disposición dos locais do recinto da Escola de Capacitación Agraria de Pedro Murias, que son titularidade da administración autonómica, para o seu desenvolvemento.

Cursos
O curso que impulsa a asociación de Amas de Casa de Ribadeo desenvolverase os martes do mes de novembro de catro e media a sete da tarde; mentres que o da Asociación de Mulleres Rurais de Ribadeo se celebrará os venres en horario de nove a once e media da noite. Ambas accións formativas contarán coa colaboración de ACDM Cociña con alma, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria( AGACAL) e o centro de nutrición e fisioterapia Manduca.

Exit mobile version