Óscar Rodríguez compareceu diante dos medios de comunicación arroupado por todos os demais membros do grupo popular. Comezou por cualificar de inentendible o último pleno da corporación local de Viveiro. Por varios motivos. O primeiro deles, a hora á que foi convocado, as 14.00 horas. Como era previsible, a esa hora non houbo público; Rodríguez considera que é unha demostración do pouco interese que ten o goberno municipal, presidido por María Loureiro, na transparencia do debate e das decisión municipais. Por outra parte, porque no é entendible, dixo Óscar Rodríguez, que se aprobe o que representa un cambio importante no plan de viabilidade económico aprobado no seu día para facer fronte ao endebedamento municipal, un cambio que prolonga un ano máis un problema que afecta moi seriamente á xestión municipal.
Rodríguez explica que co plan de viabilidade que estaba en vigor, para saldar a débeda de case oito millóns cos bancos, a liquidación do endebedamento acabaría no ano 2026. A proposta de Hacienda supón un ano máis de carencia e, ao mesmo tempo, se prorroga tamén un ano máis o prazo para a amortización. Unha das consecuencias é que outro ano de pago de intereses suporá máis de 100.000 euros. A maiores, agora o Concello ten a débeda repartida en sete bancos e terá que centralizala nun só, aspecto este que ao PP non lle parece especialmente relevante.
Para o voceiro municipal do PP de Viveiro, «este acordo demostra que o goberno confía moi pouco no plan de viabilidade». Rodríguez non comprende por que a alcaldesa e o seu equipo «deciden deixar ao Concello endebedado un ano máis; non nos parece de recibo». Igualmente, dixo: «Foron capaces de dicir que este cambio vai ser un flotador para o Concello; pois será, digo eu, un flotador para tirarse a unha piscina sen auga». Ao igual que o PP, tamén votou en contra Por Viveiro, e abstivéronse o BNG e Son Viveiro.