Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno aproba unha Declaración Institucional contra a violencia machista

Lugo, 29 de Outubro de 2019. A Corporación Provincial acordou este martes na sesión plenaria unha Declaración Institucional contra a Violencia Machista. Todos os grupos políticos con representación na Deputación de Lugo –PsdeG, BNG e PPdeG- acordaron un texto elaborado con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que terá lugar o 25 de novembro.

“A Deputación de Lugo quere expresar o seu firme compromiso coa loita contra os asasinatos e agresións machistas e coa mudanza dos elementos estruturais que as xeran e perpetúan, a súa solidariedade e apoio ás vítimas e ás súas familias, e o seu respaldo institucional para impulsar o conxunto de medidas recollidas no Pacto de Estado en Materia de Violencia de Xénero”, arguméntase no escrito conxunto que acordou a Xunta de Voceiros e que ratificou a Corporación Provincial por unanimidade esta mañá.

“Como representantes institucionais, temos a obriga de redobrar os nosos esforzos na loita para erradicar a violencia machista en todas as súas formas. Un problema que, aínda hoxe, algúns tratan de negar ou disimular baixo unha suposta e xenérica “violencia familiar” ou “intrafamiliar”. Alto e claro rexeitamos este nefasto revisionismo. Existe un problema social de violencia contra as mulleres. A realidade demóstrao. E quen o nega ou ignora dálle un novo pulo aos agresores, porque lles transmite a mensaxe de que a súa conduta é menos grave ou mesmo socialmente aceptable”, recolle a iniciativa plenaria.

Na última década, máis de 6.000 mulleres lucenses presentaron denuncias por violencia machista e o organismo provincial comprometeuse hoxe a seguir “xerando mecanismos que garantan o anonimato e a protección das denunciantes”, como o teléfono 016 e o 900 400 273.

Exit mobile version