Site icon Crónica3.com A Mariña

O Plan galego de Formación da Xunta promoverá 30 cursos para que 450 desempregados da Mariña melloren a súas oportunidades laborais

 Lugo, 11 de outubro de 2019. A Consellería de Economía, Emprego e Industria resolveu a primeira das convocatorias do Plan galego de formación 2019-2020, que este curso prevé chegar a 450 persoas desempregadas da Mariña de Lugo para mellorar a súa cualificación e impulsar a súa empregabilidade.

Trátase, en concreto, do plan formativo para desempregados e desempregadas, que poderán elixir a súa cualificación entre unha oferta de 30 cursos, ao tempo que acceden a un certificado de profesionalidade.

O Goberno autonómico, que financia o 100% das accións formativas, destina a esta iniciativa preto de 1,1 millóns de euros para a comarca da Mariña co obxectivo de facilitar o seu acceso ao mercado laboral a través dun capital humano máis formado e adaptado ás necesidades actuais do tecido industrial.

Os encargados de impartir estas accións formativas na Mariña serán cinco concellos (A Pontenova, O Vicedo, Xove, Burela e O Valadouro), ademais de catro empresas e academias.

Ofértanse cursos en todas as comarcas lucenses e nos principais sectores da nosa economía. Os alumnos e alumnas interesados en acceder a esta formación poderán contactar coa entidade ou o centro para realizar a súa preinscrición no curso da súa elección.

Os participantes poderán acceder a un certificado de profesionalidade que lles abrirá novas oportunidades laborais. Así, nas últimas edicións alcanzouse un grao de inserción de preto do 60% e deles, dous de cada tres conseguírono nos seis primeiros meses tras a finalización do curso.

A formación para mellorar a empregabilidade dos galegos é un reto prioritario da Axenda 20 que se suma á adaptación dos perfís profesionais ás demandas actuais do tecido produtivo.

Exit mobile version