Lugo, 8 de outubro. A Vicepridencia da Deputación de Lugo, a través da Rede Museística, prepara un amplo programa de actividades para celebrar o cincuenta aniversario do Museo Provincial do Mar de San Cibrao.
Coincidindo coa efeméride, o vindeiro venres desenvolveranse os actos conmemorativos da creación do museo, que naceu o 11 de outubro de 1969 na escola unitaria da localidade cun patrimonio inicial formado pola colección do mestre Francisco Rivera Casás.
O docente e mailo antigo alumnado serán homenaxeados durante a xornada, na que tamén se incorporarán ao Museo os traballos de investigación de Chema Leal Bóveda e Xoán Ramón Fernández Pacios en relación ó papel da muller no mundo do mar, na Mariña e noutras rías, especialmente no ámbito das industrias pesqueiras.
Un museo para 15 concellos. Viaxes de ida e volta
Arredor do cincuenta aniversario, desenvolverase o programa “Un museo para 15 concellos. Viaxes de ida e volta” que pretende renovar os lazos entre o museo e a comunidade dos municipios mariñaos.
A partir do vindeiro venres e ata decembro de 2020, celebraranse diferentes xornadas de intercambio e convivencia para poñer en valor a riqueza patrimonial dos diferentes concellos a través dos axentes e colectivos culturais locais.
O ciclo comezará a tarde do venres cun programa artellado en torno ao legado das mulleres do mar.
16:30h. Parladoiro entre Javier Rivera, Encarna Lago González e Silvia Fiallega Lorenzo sobre o tema “Da escola de D. Francisco a un museo de todxs e para todxs. As facedoras de mundos. 50 anos do Museo Provincial do Mar. 15 anos de xestión como museo”.
19:00h. Charla sobre o tema “Mulleres de papel no Mar Cantábrico galego I”, a cargo de Chema Leal, profesor da UNED, investigador da USC, Máster en Xestión do Patrimonio Cultural.
20:30h. Charla sobre o tema “Mulleres de papel no Mar Cantábrico galego II”, a cargo de Xoán Ramón Fernández Pacios, licenciado en Xeografía e Historia e coidador do Centro de Interpretación do Camiño de Mondoñedo.
Programación ao longo do 2019
15 de outubro
Parladoiro: Os nosxs maiores contan
“A memoria oral. A importancia do patrimonio inmaterial”, a cargo do Club Sénior da Rede Museítica.
30 de novembro
“Daquela escola a un museo: un mar de cultura”. Xornada na que os veciños de San Cibrao, aproveitando a festividade de santo André, en tempos a máis popular da vila, queren lembrar e homenaxear a tódalas aquelas persoas que fixeron parte na historia do noso museo cando aínda era escola.
3 de decembro
“O museo inclusivo”, charla de Ángeles Miguélez, coa presenza dos colectivos para a discapacidade da mariña.
12 de decembro
Conferencia “O porto da Atalaia. De Bayona a Baiona”, a cargo do arqueólogo Enrique Alcorta Irastorza
13 de decembro
Faladoiro: Os cronistas contan
Os cronistas oficiais de Viveiro, Carlos Nuevo, de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, e de Mondoñedo, Antonio Reigosa, dialogarán coa historia e as historias do Mar da Mariña de fondo
18 de decembro
“Relatos da emigración”. Xuntanza coa comunidade migrante na Mariña.
“Microhistorias de ida e volta”. Presentación deste proxecto da fotógrafa e deseñadora Evelin Ruíz Crego. É unha viaxe ao pasado e ao presente a través dos recordos e historias persoais da vida de mulleres emigrantes galegas e cubanas. É un rescate das súas testemuñas, dos seus propios relatos migratorios e de imaxes que reflexan os seus recordos, sentimentos e vivencias.
Referente na conservación, estudo e difusión da cultura mariñeira
O Museo Provincial do Mar reflicte a historia e a vida mariñeira da costa lucense, coa súa riqueza biolóxica e etnográfica, e organízase en catro seccións.
Na primeira faise lembranza da escola, uso orixinal do edificio e xermolo do museo. Noutro espazo un motor a vapor simboliza o corazón do museo, e xunto a el expóñense testemuñas gráficas da memoria histórica relacionada co mar.
A segunda céntrase na carpintería de ribeira en San Cibrao, tipoloxías construtivas e modelos de barcos, con réplicas a escala de navíos que tiveron especial relevancia, representativos da longa tradición de construtores de barcos que se remonta ao século XIV. Barcos de madeira e de ferro, de cabotaxe, embarcacións de vela, cachemaríns, faluchos ou pataches, grandes embarcacións de remo, coma os traiñóns ou as chalupas, que se empregaban tanto para a caza da balea como para a pesca da sardiña. Na sección “A arte de marear: buscando o norte”, amósanse instrumentos náuticos, pezas procedentes de rescates subacuáticos.
A terceira sala céntrase nos oficios do mar (pescantinas, redeiras, cordoeiros, etc.) e nas artes e aparellos de pesca, unha mostra de fauna mariña, esqueletos totais ou parciais de animais mariños.
Na sala cuarta, a historia da caza e os restos óseos das baleas son os protagonistas.