A delegación barreirense será recibida polo director xeral de auga, Manuel Menéndez Prieto, ao que lle trasladarán a incidencia do mal funcionamento dos sistemas de depuración na costa de Barreiros, nomeadamente na praia de Arealonga.
Presentaranlle tamén o proxecto elaborado por Augas de Galicia para a construción dunha nova depuradora en San Miguel que solucionaría os problemas de vertidos nas parroquias de San Miguel e Reinante e que está orzamentado en algo máis de 3,3 millóns de euros.
A alcaldesa valora moi positivamente a resposta obtida do Ministerio, “pois o feito de poder amosarlles de primeira man a problemática e presentar o proxecto que lle daría solución supón un avance para lograr a implicación das distintas administracións.” Amósase tamén esperanzada en lograr a implicación do goberno central, “xa que os efectos na zona de costas e en zonas de alto interese ambiental son notables e é preciso buscarlles unha solución no menor prazo posible.”