Na sesión extraordinaria, o PP desbotou a emenda conxunta presentada polos grupos que forman o Goberno –PsdeG e BNG- porque nela aludíase á responsabilidade da Xunta en materia de industria, cando o Estatuto de Autonomía, no seu artigo 30, dispón que as competencias exclusivas neste eido son da Administración galega. O texto reclamaba “ao Goberno de España e á Xunta de Galicia o impulso de iniciativas que contemplen dun xeito coordinado a necesidade de apostar por un modelo racional de descarbonización e de transformación enerxética, suave e progresiva, a aposta pola economía circular e o mantemento e o impulso do emprego”. Sen embargo, o Partido Popular non a aceptou porque incluía o termo Xunta de Galicia, tal e como lle recoñeceu o deputado que exerceu de voceiro no debate plenario, Agustín Baamonde, aos voceiros do Goberno provincial.
“Presentan esta moción cunha clara intención política, non para resolver o problema das Pontes”, asegurou o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, quen explicou que dende o equipo de goberno tratouse de acordar unha Declaración Institucional conxunta a semana pasada porque “parecíanos moito máis útil”. Engadiu que o propósito da emenda presentada hoxe no pleno extraordinario á moción do PP era a de “comprometernos de maneira conxunta cos traballadores, coa empresa e o mantemento dos postos de traballo directos e indirectos” e preguntáballe a Alberto Núñez Feijóo onde está o plan industrial para Galicia tras dez anos de responsabilidade ao fronte da Xunta.
Efrén Castro, voceiro do BNG na Deputación de Lugo, aludiu tamén á responsabilidade política na crisis da central das Pontes: “Iso de que o Partido Popular pasaba por aí e os problemas deste país non teñen nada que ver con el, non podemos aceptalo nin defendelo. Teñen culpa todos os gobernos que teñen responsabilidades e que non tiveron un proxecto de futuro e de país”.
“Temos unha situación de emerxencia industrial, un reto conxunto, pero o Partido Popular está a actuar de forma partidista”, recalcou Pilar García Porto, voceira socialista do Goberno provincial. García Porto lembrou que a Xunta de Galicia se esqueceu da transición ecolóxica durante os dez anos de mandato de Núñez Feijóo e agora pretende “acochar a cabeza” en lugar de asumir as responsabilidades. “Claro que estamos de acordo en instar ao Goberno central, pero non podemos esquecernos da Xunta de Galicia, que é quen ten as competencias”, afirmou a voceira socialista.