Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno de Barreiros acada o compromiso do Ministerio de Fomento para a consolidación e posta en valor do xacemento de A Roda

 Barreiros, 24 de outubro de 2019. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e a segunda tenente de alcaldesa, Carmen Veiga, desprazáronse no día de hoxe a Madrid; onde mantiveron reunións con responsables dos Ministerios de Fomento e Transición Ecolóxica para trasladar cuestións de interese para o municipio barreirense.
O executivo local valora moi positivamente os encontros mantidos cos responsables ministeriais, onde acadaron o compromiso do Ministerio de Fomento de actuar no xacemento de A Roda para a súa consolidación e posta en valor coordinadamente co departamento de Patrimonio Cultural da Xunta, con cuxos responsables xa mantivo conversas a mandataria municipal.
“Temos a obriga de pular pola protección e a posta en valor do patrimonio cultural do noso concello. E neste caso, temos a sorte de contar en Barreiros con un xacemento moi singular e situado en terreos do Ministerio de Fomento, no que ademais existe interese arqueolóxico por parte do servizo galego; polo que sería irresponsable non ter a iniciativa para xestionar actuacións que redundan en beneficio do concello e que nos permitirá divulgar e promocionar un xacemento senlleiro”, declarou Ana Ermida.
O compromiso do Ministerio de Fomento foi claro á hora de asegurar a intervención baixo as directrices do servizo competente da Xunta de Galicia, polo que se iniciarán os contactos para a execución dos mesmos.
Os accesos ao polígono, volverán a poñerse enriba da mesa.
O goberno barreirense tamén trasladou a necesidade de que se recolla a previsión de conexión do polígono de Barreiros co enlace da A8 e a A74, para aproveitar o potencial do mesmo e garantir a mellor comunicación posible. Carmen Veiga explica que “desde o Ministerio comunicaranse coa demarcación de estradas en Galicia para que se manteñan conversas co consistorio para tratar de solventar tecnicamente as deficiencias que poidan existir.”
Estudarase a prioridade de actuacións autonómicas para a posibilidade de finanzamento da depuradora de San Miguel.
Na reunión mantida con responsables do Ministerio de Transición Ecolóxica, adquiriuse o compromiso de trasladar a demanda barreirense aos departamentos implicados na execución do plan hidrolóxico Galicia Costa, así como de estudar a prioridade da actuación a nivel autonómico para poder valorar unha colaboración interadministrativa; así como a posibilidade de implicación da administración estatal no finanzamento das obras necesarias.
Desde o goberno municipal consideran “moi importante” ter mantido esta reunión, xa que “nos sitúa nunha boa posición de inicio, con todas administracións ao corrente das necesidades e co compromiso de tirar na mesma dirección para poñerlle solución a un problema que se arrastra desde hai moitos anos.”
A alcaldesa puxo en valor o feito de ser recibidas polo departamento ministerial e sinala que “na dirección xeral da auga, Barreiros estivo ao mesmo nivel que executivos autonómicos que hoxe tamén estaban sendo recibidos por responsables ministeriais. Trátase de situar a Barreiros no mapa e poñelo no centro das políticas e nas prioridades á hora de cubrir os servizos para as veciñas e veciños”, sinala. Nese sentido, o goberno municipal asegura que seguirá “petando a todas as portas e facendo todas as xestións necesarias para acadar unha solución ao problema da depuración de augas residuais en Barreiros.”

Exit mobile version