O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “no Concello de Ribadeo sacamos hoxe a licitación un importante contrato de servizos relativo a actividades socioculturais baixo o título Programa ¿Aquí? Coma de 20!, que está dirixido a todas as persoas, aos homes e mulleres, das parroquias do noso concello onde imos dividilo en dous grandes bloques”.
O rexedor contou que “o bloque primeiro é relativo ás tardes de lecer, que serán actividades formativas a través de cursos de manexo das novas tecnoloxías da información e da comunicación, ou mesmo obradoiros de coñecemento do entorno e da historia local. Así como tamén doutro tipo de actividades lúdico recreativas para entreter e para ocupar o tempo de lecer de xeito creativo e lúdico fomentando así as relacións sociais. Para iso contémplanse excursións, saídas culturais, xuntanzas, cafés tertulia ou mesmo diferentes propostas de xogos ou obradoiros de memoria e actividades encamiñadas a fortalecer as habilidades sociais”.
Suárez Barcia engadiu que “por outra banda plantexamos un bloque moi importante baixo o título de Movemento activo que son actividades encamiñadas á conservación e á mellora da condición física loxicamente adaptadas ás características de cada persoa, a través do desenvolvemento de exercicios físicos de mantemento ou de tonificación e de coordinación. Todas estas actividades se van levar adiante nas diferentes escolas parroquiais e teleclubs tanto na costa como no interior, sempre en horario de tarde”.
O alcalde ribadense subliñou que “pretendemos que este contrato estea licitado e adxudicado canto antes para empezar neste ano 2019. Todas as empresas interesadas en participar nesta licitación teñen, desde hoxe, quince días para ver toda a documentación que está na plataforma electrónica de contratos do Estado ou no perfil do contratante da páxina web do Concello. O prezo deste contrato anual serán 55.600 euros ao ano, podendo ser prorrogado dous anos máis”.