Lourenzá, 2 de outubro de 2019. O Concello de Lourenzá organiza unhas xornadas sobre usos e aplicación de drons, que inclúen actividades este domingo. Ese mesmo día haberá tamén teatro contra a violencia de xénero.
As xornadas sobre usos e aplicación de drons están organizadas pola Concellería de Xuventude, que dirixe Sonia Gavino, quen explica que “ primeira actividade desta iniciativa tivo lugar o pasado 26 de setembro. Está dirixida a mozos e mozas e nunha primeira parte impartíronse cuestións teóricas acerca da normativa de uso dos drons e despois desenvolveuse unha clase práctica na que os asistentes puideron probar a pilotar un dron. A segunda xornada terá lugar este domingo, 6 de outubro, enmarcada dentro da programación da Festa da Faba. Haberá un stand situado no Campo dos Bolos, no que estarán presentes diversas empresas que usan os drons para múltiples funcións, dende traballos de publicidade, inspeccións de tendidos eléctricos, topografía, fumigación de cultivos, etcétera. Alí os visitantes poderán ver en directo este tipo de aparatos e informarse de como funcionan e de como se utilizan con fins profesionais”.
Sonia Gavino destaca a boa acollida que tivo esta iniciativa na primeira xornada celebrada e agarda que se volva repetir este vindeiro domingo. “Sempre tendemos a organizar actividades para os máis pequenos e desta vez decidimos apostar polas tecnoloxías modernas para intentar achegar aos mais mozos con algo que lles chamase a atención e atraese a súa curiosidade. E a verdade é que deu resultado. Ademais é un atractivo máis para visitar nesta XXIX edición da Festa da Faba”.
Teatro
Este domingo en Lourenzá tamén haberá teatro a cargo da compañía Os Quinquilláns, que representará a obra titulada A pluma viva de Rosalía. Será ás 16:00 horas no salón de actos do Concello. A actuación, que forma parte das actividades da XXIX edición da Festa da Faba, enmárcase dentro da campaña contra violencia de xénero da Xunta de Galicia e do Goberno Central. Ademais a Concellería de Servizos Sociais, que dirixe Mercedes Dengra, instalará un stand lila na praza do Conde Santo para sensibilizar á cidadanía sobre as violencias machistas. Nela a técnico social e a educadora familiar do Concello informarán aos visitantes sobre distintas cuestións relacionadas coa violencia de xénero. Dengra engade que se repartirá material informativo entre todos os asistentes “para concienciar sobre a importancia que ten acabar dunha vez por todas con esta lacra machista”.