Ribadeo, 22 de outubro de 2019. O CIFP Porta da Auga de Ribadeo acollerá mañá, 23 de outubro, a primeira xornada sobre a FP Dual, que organiza o Departamento de Dinamización da FP Dual na Mariña lucense. Na cita, que dará comezo ás 17:00 horas, participarán poñentes das empresa Navantia (Ferrol), do CIFP Ferrolterra e da Dirección Xeral de Educación. Álvaro Doural, responsable do Departamento de Dinamización da FP Dual na Mariña, subliña que o obxectivo é achegar a FP Dual á xente, nas súas dúas vertentes: a ordinaria e a de adultos. A xornada está aberta a empresas, alumnado, profesorado, pais e nais.
Álvaro Doural explicou que “dentro das actividades programadas para este 2019-2020, o departamento de Dinamización da FP Dual da Mariña de Lugo vai realizar unha xornada sobre a FP dual e o seu funcionamento. Será o día 23 de outubro ás cinco da tarde no salón de actos do Centro Integrado Porta da Auga, de Ribadeo. Na programación está previsto a participación de María Isabel Carro Garrote, do departamento de recursos humanos de Navantia en Ferrol e responsable do ciclo de dual de Mecatrónica. Tamén vai participar o director do CIFP Ferrolterra, Enrique Pazo López, e Miguel Calvo Bello, que é o xefe de departamento de instalacións e mantemento de Mecatrónica con Navantia. Ademais participará Nicolás Espasantín Gerpe, que é asesor e quen leva o tema de dual na Consellería de Educación”.
Doural salientou que “estas xornadas teñen como obxectivo claro dar a coñecer a formación dual e as dúas posibilidades que hai, tanto de ordinaria como de adultos. Na Mariña neste momento non hai un gran nivel de implantación de FP dual. Consideramos que é outra posibilidade máis para conseguir emprego e para resolver un tema clave por parte das empresas como é a falta de persoal cualificado”.
O responsable do Departamento de Dinamización da FP Dual na Mariña engadiu que “estas xornadas están abertas a todo o mundo, a empresarios, a alumnos, a profesores e a pais, que son un elemento importante porque a información moitas veces non chega ás familias. Desde o Departamento de Dinamización de FP Dual na Mariña pretendemos realizar unha serie de actividades para poder chegar aos pais e ás familias e que vexan a importancia que ten este tipo de formación profesional a nivel de que os seus fillos nun futuro poden conseguir un emprego. Queremos invitar a todo o mundo que estea interesado nesta información. Creo que vai ser unha charla moi interesante porque van participar determinados técnicos que están traballando na FP Dual”.