Burela, 31 de outubro, 2019. O BNG de Burela ven observando como pasan as semanas, os meses e mesmo os anos e a veciñanza ten que seguir aturando un problema ambiental de primeiro orde sen vías de solución, como é o estado da EDAR. A total e absoluta parsimonia do goberno local, liderado por Alfredo Llano, acentuada, se cabe nos últimos meses en funcións contrasta coas xestións levadas a cabo noutros concellos veciños en moito menos tempo ó mando. “En catro anos prometéronnos moitas veces que todo avanzaba ben pero logo nunca se fai nada e sempre se van retrasando as datas sen que o alcalde cumpra coas súas responsabilidades esixindo das diferentes administracións compromisos, financiamento e inversións. Noutros concellos, coma en Barreiros, o novo goberno nuns poucos meses xa fixo mais que o goberno socialista de Burela en catro anos” sinalou Mario Pillado, voceiro do BNG en Burela. “Mentres no concello veciño avanzan en Burela o señor Llano non fixo mais que responder ás nosas innumerables preguntas con promesas incumpridas e prazos esgotados, xa non se pode esperar que obteña solución algunha coa súa xestión” continuou Pillado.
A Xunta de Galicia segue discriminando á veciñanza de Burela nun tema tan delicado.
Os nacionalistas tamén ven con asombro como un ano máis os orzamentos da Xunta non conteñen inversións suficientes para paliar este problema. “A partida de Augas de Galicia destinada para a EDAR de Burela é tan baixa coma do exercicio anterior, que por certo, non se executou, polo que o menosprezo ó que está a ser sometida a veciñanza por parte do goberno de Feijóo parécenos intolerable. Anunciaron a semana pasada as inversións na Mariña como se esa cantidade fose suficiente para solucionar o gravísimo problema que temos aquí en Burela. Trátase dunha falta de respeto do PP ás veciñas e ós veciños de Burela, posto que non adican mais orzamento por motivos exclusivamente políticos como se ven demostrado nos últimos tempos. Os populares entenden así a democracia: senón lles votas, non mereces un servizo primordial como a depuración de augas residuais” engadiu o voceiro nacionalista, quen finalizou decindo que “nos chama a atención o silencio do PP de Burela con este tema. Tan esixente outras veces, agora o Partido Popular opta por estar calado mentres a veciñanza segue a aguantar esta situación, da que é evidente que xa está farta”.