Mondoñedo, 14 de outubro do 2019. Dada a existencia de varias alternativas que evitarían o desembolso de tal cantidade de diñeiro, o BNG de Mondoñedo no pleno extraordinario urxente celebrado o pasado venres 11 de outubro opúxose á compra do antigo hospital de Cabanela por 450.000€ para que a Consellería de Política Social instale alí un centro tutelado de menores.
-450.000€ A DEVOLVER EN 8 ANUALIDADES-
O goberno de Mondoñedo solicitou acceso ao Fondo de Cooperación do Instituto Galego de Vivenda e Solo para a adquisición dun préstamo a longo prazo por importe de 450.000€ para a compra do antigo sanatorio de Cabanela, préstamo que o concello devolverá en oito anualidades de 56.250€ cada unha.
O concelleiro do BNG, Eloi Cabanas manifestou o seu voto en contra porque “non vemos a necesidade de gastar diñeiro público de todos os mindonienses neste edificio cando no concello hai inmobles propios ou da consellería que poderían ser empregados perfectamente para este fin”.
Segundo o edil nacionalista o edificio onde estaba situado anteriormente o INEM, que é propiedade do concello, podería albergar perfectamente un centro destas características e a nave que hai no Barrio dos Muíños, propiedade do IGVS, que está sendo empregada polo concello como almacén tamén se podería adaptar.
-CESIÓN A UNHA FUNDACIÓN-
No pleno do pasado venres o BNG tamén mostrou o seu desacordo coa cesión de uso do inmoble á fundación que resulte finalmente adxudicataria pola Xunta de Galiza para ofrecer o servizo. “Pensamos que a cesión do uso do inmoble debería ser á Consellería de Política Social que é a que ten que comprometerse en garantir a prestación do servizo e non a unha fundación como aprobou o goberno municipal o venres no pleno”.
-A FAVOR DE QUE SE IMPLANTE O SERVIZO EN MONDOÑEDO-
Eloi Cabanas aclara que o BNG está de acordo en implantar o servizo en Mondoñedo, “non poñemos en cuestión a implantación do centro de protección a menores na localidade pero entendemos que os pasos que deu o goberno de Elena Candia con este tema non foron na boa dirección”. Para o BNG e o resultado das xestións do goberno poderían ser máis vantaxosas para as arcas municipais do concello e lamenta que no canto de “obcecarse” coa compra do antigo sanatorio non se barallaran en serio outras posibles opcións onde situar o servizo .
-CRITICAS POLO ABUSO DE PLENOS EXTRAORDINARIOS-
O voceiro nacionalista tamén criticou o abuso que está a facer a alcaldesa dos plenos extraordinarios desde as eleccións municipais do mes de maio, apunta que sen ter en conta o pleno de constitución da nova corporación e o pleno de organización, neste novo mandato van convocados catro plenos extraordinarios por só un ordinario. Critica que non se saiba a data de celebración do pleno ordinario que se debería ter celebrado xa o pasado 27 de setembro, “isto provoca que se estea dilatando no tempo o debate de iniciativas de interese presentadas pola nosa formación no concello”.
Cabanas explica que este novo mandato a alcaldesa cambiou o criterio co que chegara ao goberno no ano 2015 ao reducir á metade as sesións plenarias a razón de unha cada dous meses e denuncia que “esta media, aínda que legal, tampouco se está cumprindo co cal dificulta moito a nosa labor de oposición e así non se poden levar ao día mocións, rogos e preguntas de interese para a veciñanza”, conclúe.